Ditos do lobo

Unha das festas tradicionais máis populares desta época, a dos calacús ou o Samaín, estase a piques de celebrar. As culturas indoeuropeas conmemoraban arredor do primeiro de novembro o final do verán e, con iso, o comezo dun novo ciclo agrícola e tamén dun novo ano, que nacía coa estación escura (o inverno). Neses días de transición, os espíritos dos mortos andarían entre os vivos, mellor ou peor recibidos. E desa crenza antiga derivan moitos dos ritos relixiosos que se manteñen aínda hoxe. Hogano recuperouse, iso si, grazas ás películas e aos centros comerciais, o costume de disfrazarse de personaxes sinistros e xogar a meterlle medo ao veciño. Son clásicos destas datas os vampiros e vampiras, zombis, esqueletos andantes e toda caste de seres arrepiantes… O caso é transformarse en alguén que meta moito medo, pero só para divertirse.

Imos ocuparnos dun personaxe ben coñecido e ao que se lle gañou moito medo grazas a unha lenda que rulou polas aldeas galegas e transcendeu moito máis alá a mediados do século XIX. Disque daquela había un lobishome que, con enganos, mataba tanto nenos coma adultos aos que lles sacaba o unto para vendelo en Portugal. Este non era outro que Romasanta. Asasino en serie que confesou os seus crimes argumentando que era vítima dunha maldición que o convertía nun animal feroz. A formación morfolóxica do termo non permite moitas dúbidas, xa que é unha composición froito de acomodar as palabras latinas lupus ‘lobo’ e homine ‘home’. O Dicionario dinos na segunda acepción “home que segundo as crenzas populares se converte en lobo”. Suxire como sinónimo o cultismo licántropo, -a que bebe directamente do grego lykánthrōpos, ‘home lobo’.

De quen temos que escapar daquela? Do lobo! Éche un animal depredador que se alimenta de ovellas, cabras, tenreiros e outros animais do monte, o que o fai un ser temible para as xentes que se dedican á gandaría. A metamorfose de persoa a lobo está presente xa na literatura desde a antiga Roma, nos escritos de Petronio. Na Idade Media reaparece con forza no folclore europeo, e as lendas do monstro foron levadas mesmo ás colonias americanas, onde xorden homes que transmutan en tigre e outras criaturas temibles. A mala sona do lobo desde a nenez está xustificada polos contos populares recollidos polos irmáns Grimm, onde os cánidos silvestres comen avoas, años inocentes e fanlle a vida imposible a uns porquiños construtores. Mais entre os adultos sempre se contaron contos de lobos á beira do lume, non esquezamos Á luz do candil, de Ánxel Fole.

Pegada do temor que infunde este animal obsérvase na variada fraseoloxía que se creou na nosa lingua como vemos a continuación. Se alguén pon cara de espanto preguntámoslle: E viches o lobo?; se te amosas unha persoa imprudente dise que te metiches na boca do lobo; aqueles que nos pretenden enganar con malas artes sonche lobos con pel de cordeiros; e cando se anda con xentiña da que non aprendemos cousa boa dise quen con lobos anda, a ouvear aprende.

Ao mellor, non che son para tanto e o único que pretenden é vivir tranquilos no monte. Do que non hai dúbida é de que pecamos de esaxerados co tema da súa ferocidade, e daquela diremos iso de menos lobos! ou quítalle lobos!

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir