
Hai palabras que sempre estiveron aí e que coidabamos que nunca escoitariamos tanto, nin que estarían tan presentes nas nosas vidas. Porén, sempre figuraron nos dicionarios e teñen, como as demais, unha orixe e mais unha traxectoria de seu ata chegar á nosa lingua. É o caso do termo pandemia, que leva nestes días irremediablemente o apelido “de coronavirus”. Pero antes de detérmonos nel imos botarlle un ollo a outras palabras relacionadas: andazo, epidemia e endemia.
Andazo é unha palabra patrimonial que o Dicionario da Real Academia Galega define como a “proliferación de algo non desexado”, e que menos desexado ca unha enfermidade? Se nos cinguimos ao eido da saúde, fai referencia a unha doenza que ataca moitas persoas pero que non é moi grave, por exemplo, un andazo de papeiras. Sería como a variante coloquial e máis leve de epidemia. Pero de onde procede? Pénsase que é un termo derivado do verbo andar –en referencia á propagación á que se refire–, ao que se lle engadiría o sufixo –azo. A voz ten equivalente no portugués andaço e tamén o castelán conta con andancio. E se falamos do sufixo, seguro que tendes empregado a palabra trancazo, que fai referencia a un “catarro forte”.
O noso Dicionario ofrece unha definición máis precisa de epidemia, sempre referida ao campo da saúde, da que di que é “a forma de presentación e de propagación dunha enfermidade contaxiosa, cando o número de casos supera de maneira significativa as cifras de incidencia normais desa enfermidade nesa poboación concreta”. Esta voz non pode ser confundida con endemia, que se refire a unha enfermidade que existe ou que se dá de maneira habitual e constante nun lugar ou territorio determinado e que afecta tamén un número constante de individuos. Unha enfermidade epidémica é, polo tanto, aquela que se propaga moito pero de forma puntual, e unha doenza endémica é a que se dá de forma constante nunha poboación. Estes termos están formados co substantivo grego demos, que significa ‘pobo’, e mais dous prefixos, tamén gregos: epi-, que significa ‘sobre’, e en- , que significa ‘dentro’.
Pasemos por fin á pandemia. Tamén sobre o demos grego, mais co prefixo pan- (‘todo’), designa o elo que segue á epidemia: se esta última se refire a unha propagación fóra do normal dunha enfermidade nun lugar concreto, a pandemia é a súa expansión masiva entre os seres humanos, fóra dos límites nos que se desenvolve a epidemia.
Os animais tamén teñen as súas propias epidemias, as epizootias. A palabra en cuestión é un préstamo do francés épizootie, e está formada polo prefixo epi e polo substantivo grego zoiotês, ‘natureza animal’.
Rematamos volvendo á nosa especie. Non esquezades que atallar a pandemia do coronavirus é cousa de todas e todos nós! Quedade na casa, gardade corentena e tede paciencia!