Oito praias para o verán de 2023
De praia en praia o verán todo! Isto é vida! Mais… de non poderes, propómosche oito areais que son perfectos para estes días de calor.
De norte a sur e da Guarda ao Cantábrico, buscamos as máis fermosas, as que teñen lendas curiosas e historias de interese. Todas xemas mariñas escollidas entre as que máis nos chamaron a atención e que ademais teñen nomes que paga a pena saber de onde veñen. Quedáronnos fóra moitas e moi boas, mais se che gustaron estas, quizais outro ano poidamos facer unha nova rolda. Agardamos que si!
As praias:
Traba | Louro | Doniños | A Lanzada | O Rostro | Pantín | Rodas | As Catedrais
Doniños no golfo Ártabro
Características
1.700 m. de praia aberta ao océano
Area branca e fina
Bandeira azul
A Praia de Doniños
Doniños é unha das praias máis valoradas de Ferrolterra. Mil setecentos metros de area branca e finísima desde Punta Penencia no norte, a Punta do Castro, no Outeiro, que queda no sur. Trátase dun areal ás veces batido polo vento e as ondas, que nos últimos tempos se converteu nun lugar de referencia para o surf e outras modalidades de deportes acuáticos. De feito, en Doniños celébrase en 2017, e por segunda vez, o Campionato estatal de Surf.
A terra dos “pequenos propietarios”
Doniños é a un tempo nome do areal, da lagoa, do val e mais da parroquia. A día de hoxe, a orixe do topónimo está delimitada con certeza, xa que os especialistas deste ámbito consideran probado que se trata dun nome de berce latino. Gonzalo Navaza sostén que Doniños vén do diminutivo do termo latino dominus, domnus de onde o noso dono, co significado de ‘señor’ ou ‘propietario’, como derivado de domus, a ‘casa’ latina, mais tamén a ‘familia’, o ‘clan’ e a ‘patria’. Esta teoría ten xustificación plena desde o punto de vista fonético e ademais é coherente coa explicación conceptual doutros topónimos onde tamén se observa unha terminación de diminutivo, –iños ou –elos (como Mociño, Magariños, Xordelos ou Mudelos): para todos eles, cabe supoñer un alcume dos habitantes ou señores orixinarios desa parroquia.
No caso de Doniños, non é fácil saber cal foi a motivación que orixinou o sobrenome, mais, como indica Navaza, é verosímil que tivese relación co significado etimolóxico de *domninos, isto é, ‘pequenos propietarios’ ou ‘pequenos señores’. As conclusións deste autor están en consonancia co que apuntara Amable Veiga Arias, pioneiro da fonoloxía do galego, na súa tese de doutoramento –un traballo lido en 1980, varias décadas despois da súa redacción– . Navaza engade que o topónimo debeu nacer nos últimos séculos do primeiro milenio, ou sexa, que se trataría dun nome altomedieval, pero non prerromano, o que non contradí en ningún caso a importancia da toponimia prerromana do noso territorio nin a súa celticidade.
Cómpre non esquecer tampouco que hai traballos que falan dun outro nome alternativo, a praia do Palleiro, o cal, segundo explica o estudoso Vítor Garabana en varias publicacións sobre a microtoponimia da costa Ártabra, sería o común empregado tradicionalmente polos mariñeiros da zona.
Británicos contra ferroláns
Doniños é unha praia con historia; en 1800, 15.000 membros da Armada británica, comandados polo almirante Warren, desembarcaron nela e na veciña San Xurxo co obxectivo de tomar a cidade de Ferrol e conseguir debilitar ou controlar o arsenal militar. A estratexia defensiva dos nativos conseguiu frear e rexeitar a incursión. O recordo do combate celébrase cada ano co nome de “Batalla de Doniños” ou tamén de Brión, os montes onde se realizaron emboscadas contra os invasores.
Valverde, a cidade somerxida
En Doniños tamén se conta a lenda da cidade somerxida hai séculos na lagoa próxima á praia. O mito dálle a esta vila asolagada o nome de Valverde e as razóns de que ficase cuberta polas augas varían segundo a versión, mais sempre teñen principio nalgún tipo de maldición ou castigo relixioso.