Entre Santos e Nadal

Cuberta da primeira edición, póstuma, de Contos de santos e nadal (1988)

O outono despídese no mes de Santos e o inverno empeza o 21 de decembro, o día máis curto do ano, mes que na tradición popular denominamos Nadal. Novembro recibe tamén o nome de Santos pola tradición da cultura cristiá. “Ditoso mes que comeza cos santos todos”, di o refrán, “media con Euxenio (día 15) e remata con Santo André (día 30)”. Etimoloxicamente a denominación novembro vén do latín (mensis) november mais a través *novembrius, vocábulo que remite a nove, porque no calendario romano era o noveno mes, igual que decembro como era mes dez procede de (mensis) december. Naquel calendario anterior á reforma do 153 a.C., o ano empezaba en marzo, coa primavera (tempo axeitado para comezar as campañas militares), por iso o mes de decembro era o décimo.

O cristianismo introduciu o nome de Santos para o mes de novembro e o nome de Nadal para o mes de decembro. O día primeiro de novembro a igrexa cristiá celebra a festividade dos santos todos, e nesa data inclúe aqueles que, por unha razón ou por outra, non teñen onomástica declarada o resto dos días do ano. Santos e Defuntos, día primeiro e día segundo de novembro. O mes de Nadal, na mesma concepción cristiá, que marcou a civilización de Occidente a partir do século IV d.C., logo que o emperador Constantino legalizou este culto no Edito de Milán (313), conmemora o nacemento de Xesucristo. As festas de Nadal son a celebración do que se denominaba dies natalis, adxectivo relacionado co verbo nascor ‘nacer’ ou ‘ser posto no mundo’. O nome da festividade anterior (Santos) procede do latín sanctus ‘que ten carácter sagrada’, aínda que no latín eclesiástico tamén atopamos o substantivo masculino ‘o ben aventurado’ que procede do participio pasado de sancio ‘consagrar’. Por outra banda, temos defunto que provén do adxectivo latino defunctus ‘que cumpriu a vida’, que se comezou a empregar de xeito eufemístico para evitar o equivalente: morto, -a.

Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976) escribiu a finais dos anos 50 unha serie de relatos que titulou “Contos de Santos e Nadal”, semellantes aos que publicara en 1956 co título de “Antre a vendima e a castañeira”. A idea do escritor, que naqueles anos vivía en Compostela, onde exercía como catedrático de Xeografía na Facultade de Filosofía e Letras (“os anos máis felices da miña vida”, dicía), era publicar unha serie de libros de relatos inspirados nas catro estacións do ano: primavera, verán, outono e inverno. “Antre a vendima e a castañeira” son os contos de outono: a cultura do viño (a vendima) e a castaña, que nas terras de Ourense e o Ribeiro, tan queridas polo Patriarca, teñen moita importancia. Os “Contos de Santos e Nadal” publicáronse despois da morte de Otero Pedrayo (no ano 1988), e non todos. Os editores fixeron unha escolma de nove relatos entre case que dúas ducias de orixinais, os máis deles aínda inéditos, custodiados na Fundación Penzol de Vigo. Así como os contos da vendima e a castañeira lembran as sazóns do outono, os “Contos de Santos e Nadal” son os contos do inverno, se cadra non tanto polo que se conta neles como polo que se evoca. Volvamos ler “O vello e mais o río”, por exemplo. O proxecto de escribir outros dous libros de relatos para a primavera e o verán quedou sen concluír.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir