Estas son as outras palabras do ano 2020!

Como cada ano, editoriais, compañías especializadas en lexicografía, xornais ou departamentos de diferentes universidades, dan en escoller a que sería a palabra do ano nos seus respectivos países e nas súas respectivas linguas. Neste 2020 que acabamos de deixar atrás, a palabra do ano escolleita por vós, como xa sabedes, foi nós. Ese NÓS que mira e admira o pasado da xeración que leva o seu nome, no ano do seu centenario; e un NÓS que mira cara ao futuro con esperanza porque saírmos desta pandemia é cousa de todos e todas, eses todos e todas que engloba solidariamente o pronome da primeira persoa do plural.

A palabra do ano adoita representar as inquedanzas sociais, algo que atrae o foco do interese informativo, ou algunha cuestión que forma parte da idiosincrasia ou pensamento colectivo dunha sociedade. Un ano coma foi o 2020, e continúa a ser este 2021, non nos sorprende que a maioría das escollas teñan que ver co léxico relacionado coa pandemia da covid-19 que estamos a vivir. Palabras como ‘coronavirus’, ‘pandemia’, ‘covid’, ‘confinamento’, ‘corentena’, ‘máscara’ ou ‘auto-illamento’ resoan nos oídos dos falantes de todo o mundo, e son tamén as principais escollas como palabras do ano, tanto das linguas do ámbito anglosaxón coma do ámbito románico, e tamén do resto do mundo. De seguido imos debullar polo miúdo as diferentes eleccións, pero non agardedes moitas sorpresas.

Os Estados Unidos

Merriam-Webster, é unha compañía lexicográfica histórica estadounidense, e os especialistas deste dicionario fan a súa escolla baseada nunha análise estatística das palabras que se procuran na versión en liña da súa obra en cantidades extraordinariamente altas. Este ano a gañadora foi: pandemic. A partir de marzo de 2020 a busca desta palabra aumentou un 115% respecto ao 2019. Unha palabra excepcional, porque non é de uso habitual fóra do ámbito especializado, para un ano excepcional

Nunha liña semellante, a American Dialect Society, escolleu covid. Na deliberacións e votacións participaron máis de trescentas persoas. Hai 30 anos que se levan xuntando no mes de decembro de xeito presencial pero, nesta ocasión, o evento foi realizado por primeira vez de forma virtual como un seminario web aberto no que os asistentes interviñeron a través dunha plataforma que permite as reunións telemáticas, cousas coas que nos tivemos que familiarizar por mor da covid-19.

A terceira entidade que escolle palabra do ano nos Estados Unidos, Dictionary.com, propón tamén pandemic. En Dictionary.com, a tarefa de escoller unha soa palabra para resumir o 2020 resultou un reto difícil por ser un ano definido nos EE.UU por unha crise de saúde pública, a desaceleración económica, inxustiza racial, desastre climático, división política e desinformación. Pero ao mesmo tempo, indican os responsables da páxina que o tiveron moi claro. Dende a súa perspectiva como investigadores da lingua inglesa, a palabra que protagonizou a vida e o anos dos estadounidenses, malia todos os demais problemas aos que se enfrontaron, foi pandemia.

Gran Bretaña, sen diferenzas

Na mesma liña que os estadounidenses foron as escollas dos tres principais dicionarios británicos. No caso do dicionario Oxford decidiron facer un estudo do uso lexicográfico dun ano sen precedentes e como Palabra do Ano 2020 o resultado desta análise non foi a elección dunha palabra concreta, e aínda que destacaron, sen dúbida, as palabras ao redor da Covid-19, tamén o fixeron aquelas que facían referencia ao activismo social, ao medio ou á incorporación das novas tecnoloxías no traballo a distancia.

Para o dicionario Collins o termo máis representativo do ano é lockdown, ‘peche de emerxencia’ ou ‘confinamento’. Aínda que os especialistas desta obra indican que hai unha chea de palabras que definen o ano que acaba de rematar, pensaron que o confinamento foi a medida adoptada ao longo de todo o mundo para intentar frear a propagación da Covid-19 que nos afectou a todas e todos, e tamén foi a voz que se buscou en máis dun cuarto de millóns veces, mentres que no 2019 foi rexistrada só 4000 de veces.

No caso do dicionario de Cambridge, a palabra escolleita foi quarantine, ‘corentena’, un dos vocábulos máis buscados ao longo de todo o ano, cun pico de buscas centradas durante o mes de marzo. Indican que nos EE.UU estase a empregar como sinónimo de confinamento e sinalan que non se buscaron termos relacionados coa covid-19, pero si os relacionados co seu impacto social ou económico. Os segundos clasificados foron lockdown e pandemic.

Australia, algo máis particular

Nun ano dominado pola Covid-19, o Australian National Dictionary Center elixiu iso (seft-isolation) como Palabra do Ano dunha longa lista de termos relacionados coa pandemia. O Centro, con sede na Universidade Nacional Australiana (ANU), escolle unha palabra ou expresión que gañou protagonismo no panorama social australiano. Auto-illamento é a medida na que a persoa escolle manterse lonxe dos demais como modo de limitar o espallamento dunha enfermidade infecciosa con intención de contribuír á saúde pública. Ademais é unha abreviatura propia do ámbito lingüístico australiano.

Outra obra lexicográfica australiana, o Macquarie dictionary, escolleu como palabra do ano 2020 karen e covidiot. Esta elección é froito da votación popular e fai referencia a un termo coloquial e pexorativo que designa ‘á muller branca de clase media, da xeración X, que se cre superior, con dereitos sobre os demais e con actitudes racistas’. O segundo termo escollido é tamén coloquial e fai referencia ás ‘persoas que na segunda vaga da Covid-19 en Australia non gardaron as medidas sanitarias recomendadas para non contaxiar a enfermidade’. A elección dos expertos é doomscroling ‘a práctica de estar lendo continuamente novas en liña nas redes sociais inda que estas sexan negativas ou molestas’, e tamén houbo unha mención especial para pyrocumulonimbus ‘nube que se produce nos grandes incendios’. Non hai que esquecer que entre mediados de 2019 e principios do 2020 o país sufriu unha vaga de inmensos incendios forestais como nunca antes acordaran.

O Xapón, seguindo a tónica xeral

No Xapón, o comité técnico da editorial Jiyū Kokumin Sha a comezos do mes de novembro publicou unha relación de 30 palabras susceptibles de ser escolleitas coma a expresión do ano no Xapón. A editorial anunciou o 1 de decembro que a gañadora era san mitsu, as tres C, é a adaptación do inglés closed spaces, crowdes places e close-contact setting, que son as tres medidas que se deben tomar mentres dure a pandemia da Covid-d19. Velaí: non estar en espazos cerrados, non acudir a reunións multitudinarias e evitar as situacións onde non se garde a distancia interpersoal.

Alemaña, dúas palabras para unha

Os especialistas da Sociedade para a Lingua Alemá —“Gesellschaft für deutsche Sprache” (GfdS) — deron como Palabra do Ano 2020: Corona-Pandemie ‘pandemia do coronavirus’. O vocábulo é froito unha composición que se refire ao tema que predominou ao longo de todo o ano no país teutón: a epidemia producida polo virus SARS-CoV-2 que derivou nunha pandemia que está a provocar milleiros de falecementos e a crise mundial máis grave desde a II Guerra Mundial. Asemade lingüisticamente propiciou que aparezan unha serie de neoloxismos para retratar a nova realidade: Coronavirus, Corona-Demo, Warn-App, coronabedingt.

Suíza: a enfermidade omnipresente nos tres cantóns

Segundo o departamento de Lingüística da Universidade de Ciencias Aplicadas de Zürich (Zürcher Fachhochschule), a palabra en francés que mellor define o 2020 foi coronagraben, que é un neoloxismo co que se pretende indicar o desacordos entre o cantón de fala alemá e francesa á hora de tomar medidas sanitarias para frear os efecto da Covid-19; en segundo lugar, outra creación neolóxica, gestes barriéres que se ten que entender como as medidas de protección contra o virus: máscara, lavar as man, ventilar, distancia social… poñen unha barreira á infección e, por último, luttes as numerosas loitas que se levaron a cabo ao longo do ano contra a enfermidade, polo clima, polo feminismo e contra o racismo. A elección do falantes de italiano tamén garda relación coa situación sanitaria xa que escolleron pandemia, quedando por detrás responsabilità e distanza, a proximidade co norte de Italia parece que marcou a escolla dada a incidencia da enfermidade na zona. Para o alemán, o termo elixido foi Systemrelevant, que significa unha ‘unha importancia sistémica’, xunto con Maskensünder ‘negacionista das máscara’ e stosslüften ‘ventilación continuada’, os tres termos, dun xeito ou doutro, están relacionado coa pandemia e a súa influencia na sociedade. Nesta edición a escolla para o cantón dos Grisóns, que participan por segunda vez, é mascrina que significa ‘máscara’.

Os Países Baixos e Bélxica

Segundo o dicionario Van Dale, a palabra que define o 2020 é o termo Anderhalvemetersamenleving, avalado co 29,8% do total de votos recibidos, e co que se fai referencia á ‘sociedade do metro e medio’ que é a distancia que hai que gardar nos espazos públicos para evitar o contaxio da enfermidade. En Bélxica, o vocábulo que se impuxo é knuffelcontact ‘persoa coa que, sen ser parente, podes relacionarse con ela durante a crise sanitaria’.

Na Península Ibérica

A Fundación del Español Urgente, FundéuRAE é unha entidade, promovida pola Agencia Efe e asesorada pola Real Academia Española, que escolle a Palabra do Ano para o idioma español. En 2020, entre outras propostas, a voz elixida foi confinamiento. Definido como ‘illamento temporal e imposto dunha poboación por razóns de saúde de seguridade’, describe a circunstancia que nos marcou gran parte dos meses do ano 2020. A Real Academia Española, actualizou o Diccionario de la lengua española (DLE) en novembro para que a entrada confinamiento se axustase á realidade que millóns de persoas en todo o mundo viviron con motivo da pandemia do SARS-CoV-2.

O Observatori de Neologia (OBNEO) da Universidade Pompeu Fabra e o Institut d’Estudis Catalans (IEC) escolleron unha palabra: coronavirus para definir o 2020. Unha voz do ámbito especializado que os falantes non empregamos na lingua habitual, pero que centrou a atención ao longo de moitos meses e coa que por desgraza nos tivemos que familiarizar. En Portugal, a iniciativa da Porto editora tivo, como termo escolleito polos internautas saudade, palabra portuguesa que indica o sentimento que viviron como consecuencia do distanciamento físico e a rotura das rutinas máis cotiás.

Nos países da lusofonía: ao fondo de todo entrevese a preocupación social

A empresa Plural Editores Angola elixiu pandemia. É un termo que se impón no día a día do país e que afecta a todo o mundo. Porén en Plural Editores Moçambique o termo vencedor foi refugiados, persoas que foxen do horror e da persecución provocados polos ataques que se produciron en Cabo Delgado.

No Brasil, segundo Cause –equipo formado por profesionais da socioloxía, antropoloxía, a xestión pública etc.–, a palabra que mellor resume o seu espírito ao longo do 2020 foi luto ‘loito’, é o vocábulo que representa os sentimentos que producen as perdas causadas pola Covid-19, os momentos adiados e a ausencia de despedidas.

 

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir