Todos os seres vivos, precisamente por séreno, morren antes ou despois. Desculpen a crueza da afirmación. Quizais polo irreparable do feito ao longo da historia da humanidade fomos evitando falar abertamente da morte, coma se deste xeito fósemos quen de escapulirnos dela, e para iso botamos man dos eufemismos. Aquelas palabras ou expresións suavizadas que empregamos para nomear un concepto que, dito de xeito claro e directo, podería molestar a alguén. Eufemismo procede do latín euphemismus, que, á súa vez, foi tomado do grego euphēmismós: palabra favorable no sitio doutra que resultaba de mal agoiro; onde eu- significa ‘bo’, e –phemismós ‘o que se di’, literalmente, ‘un dito bo’. Nós non somos alleos a isto e armámonos dunha boa manchea de voces e frases feitas para evitarmos nomear aquilo que tememos ou nos fire. Entre todos os temas aos que lles temos medo, ocupa un lugar especial a morte.
No DRAG rexístrase a entrada morrer “deixar de vivir”, voz que procede do latín vulgar morīre, que nos leva ao latín clásico mori cun significado semellante. Mais para suavizar o impacto do significado deste verbo, os e as falantes optamos por crear unha serie de significantes diversos que se nos antollan menos lesivos como falecer (do latín *fallescere e este do verbo fallĕre ‘enganar’), fenecer (formado a partir dun verbo antigo fenir, continuador do lat. finire ‘acabar’), finar (derivado sobre “fin”, equivalente a ‘final’) ou perecer (formado no latín vulgar *perescere, e este do verbo pĕrīre ‘morrer’ formado sobre a voz latina equivalente a ‘ir’). As etimoloxías de todos eles no propio latín abrigan unha carga eufemística que pasa ás linguas románicas posteriores.
En galego, ademais, fomos quen de crear unha serie prolixa de frases ao redor dos conceptos da ‘morte’ e ‘morrer’ coa intención de evitar nomealos. Forman parte desta serie: apagarse a candea da vida; chegarlle a hora; ir para a cova ou ir para a pataqueira; estar a criar malvas; vestir a caixa de piñeiro; todas elas relaciónanse coa idea negativa de morrer. Estoutras, en cambio, pretenden proxectar unha imaxe da morte como liberadora, e translocen crenzas relixiosas maioritarias durante moito tempo no noso país: descansar en paz; pasar a mellor vida; acordarse Deus dun; chamar Deus a un; entregar a alma a Deus; Expresións como Está entre catro candeas e Estaba entre o caldeiro e a cruz fan referencia ao velorio segundo o rito católico.
As pegadas no refraneiro sobre o tema mortuorio son numerosas. Algúns refráns son fatalistas: Hoxe somos, mañá non seremos. A máis vivir, máis sufrir; Non hai vida sen morte nin pracer sen pesar; Todo ten remedio menos a morte. Noutras ocasións sinalan o poder igualitario da morte: Tanto morre o papa como o que non ten capa; A morte a todos iguala; Para a morte non hai casa forte. E tamén a inxustiza a que pode dar lugar: Morre o mozo e queda o vello, refrán co que se indica que o máis lonxevo debería morrer por esgotamento vital e, en cambio, o máis novo debería vivir máis, e se non se dá así prodúcese unha inxustiza.
Daquela, sexa como for, lembremos o que di o conto: Máis vale can vivo que león morto.