
Detalle do profeta Daniel despois da restauración © Fundación Barrié/Fundación Catedral
O proxecto de restauración do Pórtico da Gloria, baixo o mecenado da Fundación Barrié, foi galardoado co Premio de Patrimonio Europeo/Premio Europa Nostra 2019. A concesión deste trofeo deunos pé a falar de Europa.
Europa foi unha princesa tiria que, segundo a mitoloxía, foi raptada por Zeus, quen para enganala adoptou a aparencia dun touro branco. Foi levada á illa de Creta, onde tivo varios fillos con el, entre eles o rei Minos, que dá nome a civilización minoica. Na antigüidade Tiro, de onde procedía Europa, era a gran metrópole dos fenicios, cuxa importancia se manifesta nas mencións que se recollen en fontes literarias tan importantes como a Biblia, e ademais foi o berce dos fundadores de Cartago, que había de poñer en xaque ao mesmo Imperio Romano. Hoxe é unha pequena cidade do Líbano. Porén non deixa de ser curioso que Europa emprendeu ao lombo do seu secuestrador a mesma ruta que hoxe percorren milleiros de refuxiados sirios que foxen da guerra.
Volvendo ao mito, Europa era filla do rei Agenor, suponse que de notable beleza, se aceptamos que o significado do seu nome é ‘de grandes ollos’. Mais desde cando o territorio do noso continente adoptou o antropónimo da princesa? Os antigos gregos comezaron a empregalo como topónimo. A xeografía de Ptolomeo dividía o mundo en Europa, Asia (a parte coñecida ata daquela) e Libia (a parte coñecida de África), aínda que hai estudosos que explican que a denominación ten orixe semítica que remite ao concepto de ‘solpor’, ‘ás terras de occidente’.
No fondo a xustificación a través do mito podería estar na plena conciencia da adquisición da civilización a través do Oriente. E quizais tamén esa orixe traumática teña que ver coa ambivalencia con que eles vían ao leste fonte de luz pero tamén de toda clase de maxia e misterio e, como non, de medo.