Montes e serras: O Faro

A montaña de Galicia : unha volta para 2018

Se no verán de 2017 percorremos as nosas praias, neste ano imos facer un percorrido pola outra face de Galicia.
Coñecida é a dualidade do noso país, con trazos diferenciais entre a montaña e o mar tan marcados que ás veces un pode cambiar de universo nunha breve camiñada. Inda que non pretendemos comezar unha nova xeira de competición xeográfica que xa estamos bastante servidos, este ano o noso cantar vai de montaña:

Anque che son da montaña,
anque che son montañesa,
Anque che son non me pesa.

Montes e serras:

O Cebreiro | O Pindo | O Xistral | A Capelada | O Courel | O Faro | O Xurés | Os Ancares | Pena Trevinca

Monte Faro, no corazón de Galicia

Non é un único monte ou accidente xeográfico que leva en Galicia o nome de Faro, pero este, o monte Faro (1187 mts), o pico máis alto da Serra do Faro, que marca o linde da separación natural entre os concellos de Rodeiro e Chantada, ten unhas características especiais. Dende a súa altura albíscanse as catro provincias galegas, en certa maneira poderiamos dicir que está no corazón de Galicia.

O nome prerromano era NAVEGO, que aparece na documentación anterior ao ano 1000, segundo o Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA). Localizáronse xacementos e restos arqueolóxicos na zona que falan de presenza romana e prerromana, se cadra mesmo de cultos anteriores á cristianización. Mais seguramente foi a capela de Nosa Señora do Faro, cantada polo poeta medieval Xoán de Requeixo, a que alterou o nome primitivo. A orixe actual do topónimo sería, pois, de advocación mariana. Hai outras capelas da mesma devoción en Galicia, como a da parroquia de Brantuas en Ponteceso, con romaría o 8 de setembro, e mesmo fóra de Galicia (Santander). A idea de Faro, aplicada ao monte, reafirma a súa altura, a súa dominación xeográfica nunha comarca, tal que un facho ou chanto de referencia.

O topónimo procede do latín, “pharus”, e este á súa vez do grego “pharos”, palabra que tiña case sempre unha orixe mariñeira, relacionada coa navegación e os mareantes. De feito, o piloto da nau que leva a Helena e Menelao a Esparta no seu barco, na tradición homérica, chamábase Faro. E Faro era o nome da illa na que se levanta o célebre Faro de Alexandría, considerado unha das marabillas do mundo antigo.

Así de explícita era a antiga denominación da cidade da Coruña, Faro, que mutou ao actual por unha libresca razón: a busca dunha denominación de prestixio levou a adoptar un topónimo que en realidade era un erro no Codex Calixtinus, segundo Gonzalo Navaza.

Facho e Faro teñen significacións moi próximas tocante á orientación . Etimoloxicamente a palabra “facho”, non obstante, procede do latín “fascis” (feixe) e fai referencia aos feixes de palla que se utilizaban para prender lume e alumear de noite os camiños, ou mesmo para dar luz ás casas antes da implantación da electricidade.

Monte Faro
Cruceiro e Ermida no cumio do Monte Faro. Foto Moncho Sabin. Biblioteca da Fundación Barrié

Volvendo á serra do Faro e ao monte Faro, entre os concellos de Rodeiro e Chantada, temos alí tamén o monte Farelo, diminutivo do anterior, que na documentación antiga aparece co nome de SUMIO. A romaría da Nosa Señora do Faro ten dúas datas sinaladas, unha o 15 de agosto e outra, que é a principal, o 8 de setembro. A tradición di que hai dúas Virxes do Faro, unha no santuario e outra na parroquia de Requeixo, nai e filla. Canda as romarías, a filla sube a visitar á nai. Álvaro Cunqueiro contaba que no alto do monte do Faro, divisando as catro provincias galegas, citábanse os ventos todos do país para pactar ou negociar os distintos aires, zonas de influencia, ventadas e temporais. E que alí ían tamén os bispos das dioceses a bendicilos. Seguramente non é certo, pero na imaxinacion de Cunqueiro cabe todo.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir