Fauna do Nadal

Temos un feixe de tradicións vinculadas ao Nadal. Os animais forman parte dalgunha destas: aparecen a miúdo en representacións artísticas, aludidos nas panxoliñas ou na literatura relativa a esta festividade e, ás veces, acaban sendo protagonistas nas decoracións que enfeitan as festas do Nadal. En principio, os animais presentes no Nadal galego están relacionados co belén (representación mediante figuras e outros elementos do lugar e as circunstancias en que, segundo a tradición cristiá, naceu Xesús en Belén). É un costume maioritario nos territorios de conviccións católicas, iniciado en Italia da man de san Francisco de Asís no Nadal de 1233, na localidade de Greccio, onde convocou os veciños á misa de Noiteboa e organizou a primeira representación da escena do nacemento de Xesús.

Os primeiros que nos veñen á mente son os que estaban no pallote ou corte onde se refuxiaron María e Xosé cando non atoparon aloxamento en Belén. O boi, o “touro castrado, que se emprega como animal de tiro”, é unha voz que tomamos do latín bove(m) de significado semellante. Este bovino ata ben entrado o século XX era habitual nos fogares galegos do rural para levar a cabo os traballos propios da labranza, e simboliza a forza e a laboriosidade. Outro dos protagonistas é a mula, “animal de carga de sexo femia, que nace do cruzamento entre un cabalo e unha burra ou entre unha egua e un burro”, que representaba a humildade e a sinxeleza. A mula e mais a besta en Galicia eran utilizadas polos arrieiros para o transporte de mercadorías por todo o territorio e máis alá das nosas fronteiras, sobre todo, para levar o viño do Ribeiro, considerado unha das maiores fontes de riqueza desde a Idade Media ata o século XVIII. Dado que os pastores acudiron a visitar o neno, poden aparecer cabras  e ovellas, animais domésticos empregados na antigüidade para obter leite, carne e la. E na tradición cristiá vincúlanse coa inocencia e a pureza.

Porén, sen ningunha dúbida, os animais con máis sona no Nadal, sobre todo entre a infancia, son os camelos (“mamífero da familia dos camélidos, de corpo robusto provisto de dúas xibas dorsais, patas longas e delgadas, pescozo longo, forte e flexible e pelame moi desenvolvido”), sobre os que viaxaban os Magos de Oriente que se achegaron a Belén seguindo unha estrela. A denominación foi tomada do latín camēllus, variante de camēlus, que é un préstamos do grego kámēlos, que, á súa vez, remite a unha voz de orixe semítica gamlā. Tratándose de Palestina é lóxico que estes sabios empregasen uns animais fortes propios das rexións áridas do norte de África e Asia, os camelos, recoñecidos pola súa capacidade de viaxar longas distancias en condicións adversas. Aínda que hai certa controversia, xa que moitas das representacións da escena amosan un parente próximo do camelo, o dromedario, “mamífero da familia dos camélidos semellante ao camelo, pero menos robusto e cunha soa xiba, que se utiliza como animal de carga e montura nos desertos de África e de Arabia”. Recoñécese co nome científico de camelus dromedarius e a orixe da denominación procede do latín tardío dromedarĭus, e este remite ao grego kámēlos dromás ‘dromedario’; literalmente ‘camelo corredor’. Para complicar un chisco todo outros textos dinnos que a Belén foron os magos con cadansúa cabalgadura. Así, Melchor iría subido nun camelo; Gaspar montaría nun cabalo e Baltasar viaxaría nun elefante.

Ben, sexa como for, de todo aquilo o que nos quedou é unha festa para a cativada, as cabalgatas “conxunto de xinetes e carruaxes que pasan desfilando con motivo dalgunha festa”. Nestas, antes da noite na que lles deixan un lote de agasallos, os Magos de Oriente teñen un encontro previo no que se deixan ver, reciben as últimas peticións e obsequian cunha pequena lambonada os que se achegan ata onda eles. Mais como os animaliños non nos teñen culpa ningunha das ocorrencias dos humanos neste tipo de eventos só se desfila ao lombo de vehículos mecánicos.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir