festa

Xuntanzas estivais ou non

Este verán será o dos reencontros! Habemos de xuntarnos de novo. Non será coma os veráns de antes da pandemia, aínda habemos de ser prudentes porque o bicho segue solto. Mais estamos de volta, retornamos á algarabía. Florencio Delgado Gurriarán cantoulle a Valdeorras e ás súas festas… E nosoutras e nosoutros este verán imos tentar emulalo e darlle unha volta ás palabras que se empregan para indicar que nos xuntamos máis de dous para organizar unha quedada. Comezaremos coas máis buliciosas e rebuldeiras, propias do estío, e xa cara á fin do verán xuntarémonos para cousas un chisco máis serias.

festa | fiadeiro | garula | romaría | maios | ruada | mitin | convención

Din de nós que somos da terra dos mil ríos, é unha verdade coma un mundo. Mais non hai dúbida ningunha de que somos xente festeira, xa que entre as festas patronais, as gastronómicas e as musicais non hai día do ano sen festexo representativo. Hai un dito que afirma: Festa todo o ano cansaría máis que o traballo, mais parece que non nos afecta se lle botamos un ollo ao calendario. Daquela tamén somos a terra das mil festas!

Unha festa era un rito social particular, onde as persoas sinalaban un acontecemento digno de celebración por un motivo especial, como podía ser un aniversario ou unha voda, e organizaba un evento. Hoxe, xa non resulta esencial a existencia dun motivo singular, posto que somos quen de matinar unha festa con calquera escusa con tal de ter unha xuntanza lúdico-festiva.

Chíi, íi, íi, íi

       óo, óo, óo, óo.

Tou porroutou, porroutou, porroutiña,

Tou porroutou, porroutou, porroutóo.

Vou a tocar coa miña gaitiña

Vou a tocar un fandango moi bo

Vou a tocar a muiñeira das festas

Vou a facer foliada de Dios.

       Chíi, íi, íi, íi

       óo, óo, óo, óo.

Tou porroutou, porroutou, porroutiña,

Tou porroutou, porroutou, porroutóo.

Velo aí tedes tocando o Gaiteiro

Velo aí tedes co tamborileiro,

Velo aí tedes pesares quitando

Velo aí tedes a xente alegrando.

 

Xoán Manuel Pintos, A Gaita Gallega, 1853

Porén as festas máis sociais (as da parroquia ou do barrio) consistentes nunha manchea de actos lúdicos para celebrar ou conmemorar un feito importante, para lembrar un personaxe salientable ou o santo ou santa patroa. Nestas xuntanzas é esencial tamén que se teñan festexeiros e festexeiras ou festeiros e festeiras, as persoas convidadas a asistir á celebración sexa cal sexa. Estes vocábulos fórmanse sobre a palabra festa mediante sufixación. A procedencia de festa atopámola no termo latino festum, -a e daquela xa indicaba ‘día de festa’. Outro xeito de nomear os que veñen canda nós a celebrar é convidados e convidadas, substantivación do participio do verbo convidar que nos chega desde o latín medieval convitare, que se forma sobre o verbo latino invitāre ‘invitar’ coa influencia de convivium ‘convite’.

Outro elemento preciso para que o festexo campe como é debido son as bombas de palenque de sete estalos para dar a alborada e anunciar as bailas da sesión vermú. Cando imos danzar, segundo o público que teñamos ao redor, habemos dedicarnos a bailar o solto (sempre máis recatado) ou o agarrado que permite as confidencias, aínda que, ás veces, é mellor que corra o aire. Esta afección pola danza pode ser a razón da nosa tradición de contratar grandes orquestras que gozan de moita sona en todo o territorio.

As festas están ligadas a un momento de alegría e encontramos pegadas disto na fraseoloxía como nos seguintes exemplos Estar alegre coma a gaita nas festas. Pero estes eventos tamén son custosos, e por iso se di Vodas e festas en cas do veciño. Pero sen facer trampas porque O que entra no baile ten que bailar xa que non nos valen escusas Para a festa non hai perna coxa.

E agora deixámosvos xa que se vos fai tarde para ir de festa!

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir