fiadeiro

O fiadeiro en: http://bembibrevianadobolo.blogspot.com

Xuntanzas estivais ou non

Este verán será o dos reencontros! Habemos de xuntarnos de novo. Non será coma os veráns de antes da pandemia, aínda habemos de ser prudentes porque o bicho segue solto. Mais estamos de volta, retornamos á algarabía. Florencio Delgado Gurriarán cantoulle a Valdeorras e ás súas festas… E nosoutras e nosoutros este verán imos tentar emulalo e darlle unha volta ás palabras que se empregan para indicar que nos xuntamos máis de dous para organizar unha quedada. Comezaremos coas máis buliciosas e rebuldeiras, propias do estío, e xa cara á fin do verán xuntarémonos para cousas un chisco máis serias.

festa | fiadeiro | garula | romaría | maios | ruada | mitin | convención

Nesta ocasión imos darlle un repaso a unha sorte de reunións que case están en perigo de extinción. Non porque nos volvamos un bichos apáticos e preguiceiros senón porque están vinculadas a unha serie de traballos e tarefas habituais do campo que xa non se realizan da mesma maneira. Daquela colaboraban uns veciños ou veciñas cos outros e outras para sacar o apuro de diante en certos labores que precisaban moitas mans nun momento puntual. Malia o esforzo, ao rematar, era un bo momento para argallar unha festa improvisada que compensase o traballo arduo.

As festas relacionadas cos traballos do campo son varias, entre elas, as mallas ou mallegas. Organizábanse a finais de xullo ou primeiros de agosto cando máis peta a calor para poder secar a palla, así o cereal perde a humidade, despréndese con facilidade e consérvase mellor e non podrece no inverno. No final do verán facíanse as esfolladas, nesta ocasión, o cereal tratado é o millo. Unha vez que se levaban á casa os fachuzos, había que separar as espigas do pé de millo e xuntalas para esfollalas. Esta operación consistía en tirarlle a folla e deixar a mazaroca limpa para subir ao hórreo. As capas vexetais que protexen as espigas empregábanse para facer os colchóns das camas que se coñecían como xergóns ou almadraques.

Outras das tarefas que daban pé a xuntar a veciñanza para traballar e festexar era todo o proceso que xiraba ao redor do liño. A espadelada ou tasca consistía en sacarlle a casca ao liño. Así obtíñase o cerro (a mellor parte para fiar) e a estopa que se aproveitaba para facer tecidos máis bastos. O cerro había que fialo e daquela organizábanse as fías, fiadas, fiandóns ou fiadeiros que eran as “reunións que tradicionalmente se facían para fiar e onde se cantaba, bailaba e se realizaban certos xogos populares”.

Nas festas ¡canto contento!
¡Canta risa nas fiadas!
Todas, todas, namoradas,
déranlle o seu pensamento.
I el que, de amores sedento,
quixo a todas engañar,
cando as veu dimpois chorar,
cantaba nas mañanciñas:
–Non sean elas toliñas:
non veñan ó meu tocar.

Rosalía de Castro, Cantares Gallegos, 1863

Os fiadeiros son reunións femininas, onde as mulleres fían o liño cada unha co seu fuso e a súa roca, mentres esperan a chegada dos mozos. Estes comezan a cantar, entoando cantigas que son contestadas polas mozas, dando lugar a un desafío. Mozos e mozas cantan, bailan, falan e brincan ata o remate da festa. Outras das xuntanzas populares entre a mocidade eran as muiñadas que eran “reunións que facían os mozos no muíño mentres esperaban a quenda da moenda”, non en balde se dicía aquel dito: Unha noite no muíño, unha noite non é nada, unha semaniña enteira, esa si que é muiñada. Ao redor do traballo ou destas reunións festivas xorden ditos e refráns como os que seguen: Cando non hai ganas de fiar, pode o fuso descansar. Fólgome unha migadiña, mais vou fiando a miña estriga. En Santiago estroupelear que este é o tempo do liño mazar. Ser fariña doutra muiñada.  Por San Francisco bota o liño mourisco, se o botas en San Simón nin dá estopa nin estopón.

A terminoloxía empregada toma como base para se formar as accións que se adoitan realizar nas distintas tarefas. Así as mallas ou as mallegas derivan do verbo mallar que procede do latín vulgar *malleāre que remite ao clásico mallĕu ‘martelo’. Outros termos relacionados son o malladoiro (caixón para debullar o cereal) ou mallada (golpe dado co mallo no cereal). Esfolla é un substantivo deverbal formado a partir do verbo esfollar cuxa orixe nos leva á lingua da antiga Roma exfoliare que significa ‘tirar as follas’. Fía, fiada, fiandón e fiadeiro son voces relacionadas co verbo fiar, continuador do latín filare ‘fiar’, formado sobre filum ‘fío’. As muiñadas fan referencia ao lugar onde se facían as xuntanzas, o muíño, continuador do latín molinu.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir