físico

Foto da NASA.

Un dos científicos máis grandes da Historia: Stephen Hawking morreu o 14 de marzo de 2018. Queda un oco que non se sabe se algún día se poderá encher. Os seus logros no campo da ciencia e os conceptos que se manexan grazas ás súas pescudas: relatividade, mecánica cuántica, multiverso son complexos e difíciles de entender, aínda así nunca deixou de intentar divulgar a ciencia ao público xeral. De todos as diversas facetas de Hawking, a máis coñecida é a de físico.

A palabra procede do latín physicus, ‘relativo á natureza’ adaptada do grego φυσικός, physikós, ‘natural’, derivada do verbo φύω, phýo, ‘medrar’. A procedencia grega delata, sen dúbida, a súa chegada a través do vocabulario filosófico e, en concreto, do libro de Aristóteles Φυσικής Ακροάσεως, Physikés Akroáseos, “Auscultacións na natureza”, ten moito que ver na adaptación deste concepto á nosa concepción do mundo. Que era a Física de Aristóteles? Pois seguramente a mellor definición sexa a dunha teoría do todo, tal como se chamaba a investigación de Stephen Hawking nun recente filme. Só que para Aristóteles había algo máis aló dese todo e ese algo foi o que veu despois da física: a metafísica. Os libros que se situaban despois da Física.

Moitas daquelas palabras están aínda vivas na Grecia de hoxe na que se sobe polo ánodo, se baixa polo cátodo; agárdase polo autobús na éxtase e non hai nada máis natural para matar a sede que unha botella de physikó metalikó neró, ‘auga mineral natural’. Algo tan natural como para o noso científico pairar no espazo de acordo coas mesmas leis que tanto contribuíu a que coñeceramos mellor.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir