Flamengo

Fachada do Parlamento de Flandres en Buxelas, Brussel, a capital do país e do estado.

Este  verán, propoñemos unha viaxe por Europa a través das linguas chamadas minoritarias ou minorizadas. Algunhas son oficiais na UE e outras, como a nosa, non contan con este recoñecemento. Cada semana falaremos dun idioma, do que coñeceremos datos históricos, evolución de falantes, características internas e outras cuestións interesantes. As linguas que escollemos son:

Esloveno  |  Estoniano  |  Flamengo  |  Frisón  |  Gaélico irlandés  |  Galés  |  Letón |  Macedonio  |  Maltés  |  Sardo

Mapa do idioma flamengo
Flandres nunha vista do Mar do Norte

O flamengo (vlaams), ao igual ca o holandés, é unha variante territorial singularizada do neerlandés. Pertence á familia das linguas indoeuropeas, en concreto da rama xermánica, e fálase en Flandres, no norte do estado federal belga, un territorio con menos da metade da nosa superficie e onde se calculan arredor de seis millóns de falantes. No contexto da UE, o neerlandés é unha das vinte e catro linguas oficiais.

A historia do flamengo, próxima á nosa propia historia

Como consecuencia dos prexuízos históricos contra o idioma flamengo, —promovidos polas potencias que exerceron o dominio político de Flandres, é dicir, España, Austria e Francia—, canda a  independencia de Bélxica, o francés, a lingua empregada polos máis poderosos, foi considerado de facto como lingua oficial do territorio. A primeira Constitución, a de 1831, se ben non establecía ningunha lingua oficial, non se redactou en flamengo ata 1970, cento corenta anos despois. O resultado do uso non normalizado da lingua de Flandres foi unha forte dialectalización, cuestión que tamén se utilizou como argumento para mantelo afastado dos usos oficiais, como nun peixe de rabo na boca.

A escena anterior resúltanos familiar, xa que tamén a nosa lingua propia foi relegada no político e no lexislativo, o que a nivel social supuxo, como consecuencias máis directas, a distribución diglósica dos usos lingüísticos e mais que os falantes fosen estigmatizados durante séculos.

Bandeira de Flandres
Bandeira de Flandres

O camiño cara á oficialidade plena do flamengo

Na actualidade, o flamengo é a única lingua oficial en Flandres e o francés na rexión de Valonia. A zona de Bruxelas ten unha situación especial cun réxime de cooficialidade de ambos idiomas. A esta situación chegouse logo dunha loita histórica desenvolvida desde finais do XIX. Entre outras datas significativas, hai que lembrar que en 1873 se autoriza o uso do flamengo no sistema xudicial; dez anos máis tarde, entra na educación secundaria e en 1890 establécese por lei que os funcionarios de Flandres teñan de acreditar o coñecemento da lingua para poderen exercer. Máis tempo aínda levaría entrar na Universidade, un dos grandes obxectivos perseguidos polo nacionalismo flamengo.

En 1932, próducese o recoñecemento parlamentario dunha Bélxica cun territorio con dúas linguas, unha zona de fala neerlandesa e outra francófona. Naquel momento, os valóns negáronse a aceptar o bilingüismo na totalidade do Estado, por medo a que o neerlandés se impuxese e a superior competencia lingüística dos flamengos (quen dominaban neerlandés, francés e inglés) xogase na súa contra a nivel laboral e institucional.

No ano 1963, quedan establecidas definitivamente as catro rexións lingüísticas actuais: a dos flamengos, a dos francófonos (que inclúe as provincias valoas), a de fala xermana e mais a rexión bilingüe de Bruxelas. Recoñécense así mesmo municipios “con facilidades lingüísticas”, que son territorios limítrofes onde os falantes teñen dereito a ser atendidos na súa lingua propia en certos servizos públicos, con indepencia de cal sexa a lingua oficial. Por fin, en 1993, consúmase a transformación de Bélxica nun Estado federal, a evolución do antigo modelo unitario e centralista, máis coherente coas realidades lingüísticas e culturais non francófonas do territorio, nomeadamente co flamengo.

De onde vén “flamengo”?

A orixe da palabra flamengo continúa a ser a día de hoxe unha cuestión por determinar, de xeito que, dependendo da obra consultada, poden atoparse hipóteses bastante afastadas. Nalgunhas apúntase unha posible etimoloxía árabe, en tanto que outros especialistas consideran que habería que localizala no latín medieval flamengus, como xentilicio para denominar a persoa natural ou habitante de Flandres. Por último, nalgunhas obras proponse unha orixe xermánica, na forma flouwen, que tiña un sentido semellante a ‘ser levado por unha corrente, fluír’, probablemente en alusión a que a costa flamenga sufría asolagamentos con bastante frecuencia.

Pero en realidade, que é “flamengo”?

No ámbito do lingüístico, esta palabra chegou a funcionar como unha etiqueta que acollía significados diversos mais, na actualidade, utilízase para denominar o neerlandés da poboación de Flandres, cun acento, léxico e entoación específicos. Así mesmo, úsase como sinónimo de lingua neerlandesa en xeral malia que, desde novembro de 1974, a única denominación válida para este idioma é neerlandés, segundo decreto do Consello Cultural de Flandres, e coincidindo coa opinión maioritaria dos lingüistas que aconsellan chamarlle así.

Unha parte do noso léxico náutico e marítimo provén do neerlandés

Un par de curiosidades sobre o flamengo

Tratándose dunha lingua xermánica, poucas semellanzas podemos atopar entre o flamengo e o noso propio idioma. Antes ben, as diferenzas son moitas e, por esta razón, é posible dar con cousas que nos chaman a atención en todos os niveis gramaticais; por exemplo, para o flamengo, distínguense teoricamente tres xéneros gramaticais –masculino, feminino e neutro–, se ben na práctica quedan reducidos a dous –común e neutro–, xa que a distancia formal entre masculino e feminino é pequena. Canto á estrutura oracional, nas oracións complexas con máis dun predicado, todos os verbos agás un sitúanse ao final da secuencia.

Con todo, dado que os flamengos eran grandes navegantes, unha parte do noso léxico náutico e marítimo provén do neerlandés.

A emisora flamenga “Studio Brussel” fixo unha enquisa en 2015 para escoller a mellor canción da historia e gañou “Mia”, peza da banda Gorki, grupo da cidade de Gante, Gent en neerlandés. Propoñemos un vídeo onde o grupo interpreta a canción no Festival Marktrock en Lovaina, Leuven, no verán de 2011.

MIA
Toen ik honger had kwam ik naar je toe
Je zei: eten kan je als je de afwas doet
Mensen als jij moeten niet moeilijk doen
Geef ze een kans voor ze stom gaan doen

De middenstand regeert het land
Beter dan ooit tevoren
Mia heeft het licht gezien
Ze zegt: niemand gaat verloren

Voorlopig gaan we nog even door
Op het lichtend pad, het verkeerde spoor
Mensen als ik vind je overal
Op de arbeidsmarkt, in dit tranendal

En sterren komen, sterren gaan
Alleen Elvis blijft bestaan
Mia heeft nooit afgezien
Ze vraagt: kun jij nog dromen?

De middenstand regeert het land
Beter dan ooit tevoren
Mia heeft het licht gezien
Ze zegt: niemand gaat verloren

Sterren komen, sterren gaan
Alleen Elvis blijft bestaan
Mia heeft nooit afgezien
Ze vraagt: kun jij nog dromen?

Sterren komen, sterren gaan
Alleen Elvis blijft bestaan
Mia heeft nooit afgezien
Ze vraagt: kun jij nog dromen?

 

MIA
Cando tiven fame, fun a ti
Dixéchesme: poderás comer ao que fregues os pratos
A xente coma ti non debe facer as cousas complicadas
Dálles unha oportunidade antes de que fagan algo estúpido

A clase media goberna o país
mellor ca nunca
Mía viu a luz
Ela di: ninguén estará perdido

Polo de agora imos continuar un cachiño
Na corredoira da luz, no camiño equivocado
Podes atopar xente coma min en calquera lugar
No mercado laboral, neste val de bágoas

Os grandes artistas veñen e van
Só Elvis segue existindo
Mia nunca sufriu
Ela pregunta: aínda podes soñar?

A clase media goberna o país
mellor ca nunca
Mía viu a luz
Ela di: ninguén estará perdido

Os grandes artistas veñen e van
Só Elvis segue existindo
Mia nunca sufriu
Ela pregunta: aínda podes soñar?

Os grandes artistas veñen e van
Só Elvis segue existindo
Mia nunca sufriu
Ela pregunta: aínda podes soñar?

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir