
As folías chegaron a ser un xénero musical de seu introducido no século XVI na obra, por exemplo, do dramaturgo luso Gil Vicente coa mesma naturalidade con que Molière lle facía oco a unha pantomime ou a un minuet. O termo ten a mesma orixe que la folie francesa, a loucura, e a folía, “diversión alegre e barullenta”. E tamén está emparentado coa nosa foliada, “reunión nocturna para divertirse, cantar e bailar” coplas populares como as recolleitas por Antonio Fraguas, o homenaxeado do Día das Letras Galegas en 2019. Nunha boa foliada adoita haber polo menos un homem da gaita, como cantaba o Zeca Afonso, pero a relación de la folie e as foliadas con este instrumento tan festeiro non se limita aos feitos.
Non o ves claro? Pois visualiza o fol, bolsa en latín, dunha gaita. Na súa orixe este termo referíase a un oco e cheo de aire, pero no inglés deu a palabra fool, que significa ‘parvo’ e tamén ‘tolo’ ou ‘bufón’. No francés deixou pegada na mencionada folie e polo resto do mundo en moitas máis horas de entretemento e rexouba musical. O elenco non é pequeno: as folías catalás, as follies do Hollywood dos anos 30 previo á censura ou o famoso Folies Bergere parisiense, todas elas teñen tamén por parente etimolóxico a nosa foliada.
Intranscendente e irresponsable, se queredes, toda esta folía ten obvios efectos saudables. Se non que llo pregunten á muller do Homem da gaita: a mãe entrevada/ que estava deitada/ levanta-se/ e põe-se a bailar: vá de folia /vá de folia / Que há sete anos me não mexia!