Concellos de Galicia (con tres letras)
Chega o verán e o Portal das Palabras volve saír de viaxe por Galicia. En edicións anteriores xa fixemos os obrigados percorridos polo mar e pola montaña, así que desta volta propoñémosvos unha ruta diferente. Faremos parada en lugares cunha curiosidade en común: todos eles son concellos con nomes de só tres letras. Pode soar a excentricidade.. e madía leva se o é! Pero que mellor época para deixarse levar pola sonoridade dalgúns dos topónimos máis breves de noso Nomenclátor! A viaxe pagará a pena, e non só en termos lingüísticos!
Concellos:
Os ríos, máis tarde ou máis cedo, desembocan e fano pola boca: de aí La Boca (Buenos Aires), Plymouth (Devonshire), Travemünde (Lübeck) ou Bouches-du-Rhône (Provenza) … e tamén Foz, un derivado do latín fauces, ‘parte superior do sistema dixestivo, desde a raíz da lingua ata a gorxa’, e que é tamén un termo común que compartimos co portugués para designar a desembocadura.
Este concello conxuga marabillosamente as zonas mariñás coas terras interiores. Na costa, amais das praias, cinco con bandeira azul, está tamén o Castro de Fazouro, escavado e aberto ao público. Sitúase pegado ao mar e as súas plantas cadradas indican unha cronoloxía tardía. A franxa costeira conta tamén con tres ecosistemas acuáticos declarados como lugares de interese comunitaria: a ría de Foz, o río Masma e o río Ouro.
Cara ao interior, na estrema oposta do concello, atopamos os poucos restos que quedan do castelo da Frouxeira, onde as tropas dos Reis Católicos asediaron o mariscal Pardo de Cela durante case dous anos. Esta resistencia épica, abortada por culpa dunha traizón, e a morte do fidalgo en Mondoñedo, mediante o lendario engano da Ponte do Pasatempo, forma parte da trama d’O Mariscal de Cabanillas e Villar Ponte.
A medio camiño sitúase a basílica de San Martiño de Mondoñedo, no seu momento a catedral máis antiga de España. Pode parecer sorprendente o nome desta basílica estando como está en Foz e non no concello veciño de Mondoñedo, velaquí a explicación: No século VI uns cristiáns da Britannia romana que fuxían das persecucións fundaron o bispado de Britonia (baseando o topónimo no da súa terra natal, moi probablemente a actual Bretoña da Pastoriza), pero o próximo Mendunietu de Foz servía de refuxio fronte as razzias musulmás e foi este o lugar onde finalmente se mudaron tras a destrución causada polos viquingos. Séculos máis tarde no 1112, a raíña Urraca mandou volver mover a sé a Vallibria, Vilamaior do Val de Brea, mais levaron o nome consigo tamén. O templo é senlleiro en Galicia pola súa feitura románica lombarda-catalá, fronte á habitual francesa. Destaca pola mestura de elementos de estilos moi diversos (prerrománicos, protorrománicos e románicos), froito da súa dilatada historia, e polo descubrimento en 2008 dunha parede cuberta con frescos do século XII posiblemente relacionados con Bernardo, o tesoureiro do bispo compostelán Xelmírez. Xa na zona urbana de Foz, atopamos no barrio mariñeiro o chamado banco das mentiras e o monumento ao arao, erixido pola morte destas aves durante o desastre do Prestige.