
Algunha vez as persoas faltamos á verdade, para que mentir! A lingua ten unha boa manchea de vocábulos para designar a falsidade. No léxico da literatura atopámonos coa palabra falacia mais, entre nós, “aquilo que unha persoa di ou escribe como verdadeiro sabendo que non o é” coñecémolo como mentira, bouba ou embuste e, se queremos ser coloquiais, chamarémoslle trola.
A mentira que se di para enganar á mantenta aparece no dicionario como alburgada ou loiada. Ambas as dúas son definidas como “aquilo que unha persoa presenta como certo, sabendo que non o é, para enganar a outra”. Cando nos dedicamos a ser divulgadores de algo que non é verdadeiro con moita discreción pero indiscriminadamente dise que espallamos unha loia (rumor que se vai contando como segredo). A versión perversa é o dixomedíxome ou “noticia, verdadeira ou falsa, que se conta para prexudicar a fama de alguén ou para facelo inimigo doutra persoa”, e tamén se emprega para o mesmo concepto a voz contos; antes das redes sociais, a difusión destes coñecíase como andar ou estar aos contos.
Ás veces, o que anda metido na xogueta vai de farol, isto é, a “xogada falsa para desorientar ao contrario nos xogos de cartas”. Na lingua do común, a persoa que quere campar ou presumir acaba soltando un farol (“dito ou feito sen fundamento para lucirte ante alguén”) e vincúlase con faltar á verdade. Mesmo hai certos oficios onde se acostumaba esaxerar, e daquela fama quedou o refrán «Cazadores, xastres e zapateiros, son os máis mentireiros».
A mentira é un tema tratado na fraseoloxía, desde logo. Así, atopamos a expresión ser coma Xan do Rei —personaxe real ao que lle gustaba contar historias fantásticas e inverosímiles—, que serve para referirse á persoa que “conta algunha mentira ou esaxeración”. Tamén se indica que se mente coa expresión facer como quen que, tal e como podemos ler no texto: “A culpabilidade levouno a buscar compracer como fose a Helena, a mimala máis, a facerlle regalos, a facer coma quen que a adoraba sobre tódalas cousas do mundo” (Inma Silva: Concubinas, 2002). Outra variante desta expresión é así coma quen.
O refraneiro advírtenos que, se nos convertemos en mentiráns, cómpre ter boa retentiva para non cometer erros ou ter lapsos: o mentir pide memoria porque unha mentira doutra tira. E, inda que o mellor é evitalo, non hai peor carta de presentación: Onde has de ir, non has de mentir. Porén, hai persoas que son falsarias sen remedio, e delas dise que menten máis que falan que as contan tan grandes coma rodas de muíño ou mesmo que os homes mentireiros teñen os dentes rareiros. Hai veces que os dentes saen separados, e a crenza popular dicía por ese espazo escapaban as mentiras; de aí que se pensase que os troleiros tiñan os dentes raros ou separados. As falsidades foxen unha tras outra tan facilmente como se perde un líquido nun cesto, ou mesmo os sólidos cando xa van vellos, e de aí a frase: Verter no río coma un cesto vello. Logo do exposto, advertencia, inda que non o creas: máis axiña se colle un mentireiro ca un coxo.
Mais sempre hai alguén que non se deixa enganar, e acaba por sentenciar: déixate de andrómenas, oh!