Fraseoloxía do Entroido

Personificación do Entroido no cadro de Pieter Bruegel o Vello A guerra do Entroido e a Coresma. Kunsthistorische Museum. Viena

A tradición do Entroido en Galicia é de todas e todos coñecida. Non hai recuncho galego onde non se festexe dalgún xeito. Son tanto pequenas festas case familiares como grandes eventos de sona máis alá das fronteiras do país, mostra clara do cal é o Entroido de Xinzo, que  foi declarado Festa de Interese Internacional. Estas celebracións teñen unha fonda pegada na gastronomía, nas distintas manifestacións culturais e, como non, tamén na lingua. Imos logo observar o efecto do Entroido na fraseoloxía e no refraneiro galego.

Entendemos por fraseoloxía o “conxunto de expresións ou frases feitas propias dunha lingua, dun medio, dun autor etc.”; mentres que o refrán é a “frase curta de forma fixa coa que se expresa un pensamento popular baseado na experiencia, polo xeral con rima e de sentido figurado”. A paremioloxía é o estudo dos refráns e os proverbios. Ao redor do Entroido o xenio lingüístico foi frutífero. Daquela cómpre dar unha voltiña (pequena) sobre algunha das unidades que xorden grazas a estes festexos.

Vaia por diante que a noción da beleza e da fealdade é subxectiva; pero recóllese a frase feo coma un entroido. Semella que deste xeito indicamos certo grao de fealdade xa que asociamos as distintas máscaras coa figuración de seres non agraciados; é o mesmo tipo de asociación que atopamos nas expresións, quizais máis empregadas e populares, feo coma un corvo, feo coma un sapo ou feo coma o demo.

Ligada ao aspecto físico ou máis ben á falta de elegancia encóntrase a expresión vestir coma un entroido. Algúns Entroidos poden identificarse coa sofisticación, como é o caso do de Venecia, pero no galego cada quen pode escoller o máis vello e estrafalario para ir correr o Entroido e pasar o día. Deste modo cando vemos alguén que non ten unha vestimenta moi harmónica dise del que viste coma un entroido ou que parece un entroideiro.

Outra referencia ao físico que reflicte a fraseoloxía entroideira está vencellada coa gordura. Segundo a crenza popular non hai posibilidades de estar gordo se non é comendo, e para iso o Entroido é a época ideal. Neste sentido débese entender estar coma un entroido, á par, estar coma un rebolo ou estar coma un bocoi.

Por último, referirémonos á expresión moverse máis ca un entroido, relacionada coa descrición do comportamento dunha persoa. Sinala o carácter inquedo ou movido da persoa a quen se lle aplica a expresión. O Entroido é unha festa que se desenvolve no exterior, cunha sorte de cerimonias dinámicas e buliciosas que fai que identifiquemos o individuo ao que nos referimos cun que non ten parada, como os participantes do Entroido.

Son abondosas tamén as pegadas do Entroido no refraneiro como se ve a continuación:

Entroido larafuzán, comiches a chicha e deixaches o pan, empregado para aquelas situacións onde alguén se decanta polo luxo e calidade, desprezando o máis humilde. Martes de Entroido e día de Pascua, cada larpeiro na súa casa, aínda que sexa unha tempada de fartura, mellor ter cabeza ao gastar. Non todos os días son martes de Entroido, hai que ter bo criterio e saber administrarse. Coa mesma noción aparece o Entroido é un larpeiro, mais é o fillo dun pobre, cada un na súa casa gobérnase como pode.

Hai proverbios relacionados co calendario, cos labores agrarios ou co tempo atmosférico que adoita facer nos meses nos que se celebran as festividades, como Entroido ao tizón, Pascua ao sol; ou o que garda relación co calendario e as tarefas da mantenza do fogar tradicional galego: Polo santo Tomé, colle o porco polo pé; se non está gordo, déixao para o Entroido. No inverno a actividade agraria no exterior redúcese polas condicións atmosféricas, pero, por outra banda, son estas as que permitían a matanza e a manipulación da carne. O mes de decembro (cando se celebra san Tomé, 21 de decembro) é ideal para matar o porco: para que a carne non se perda antes de salgala, e para facer despensa de cara ás festas do Nadal: roxóns, raxo, lacón ou paleta asada. Outra ocasión ideal volve ser febreiro, pois aínda vai frío: en febreiro, sete mantas e un sombreiro, e o Entroido é para enchedoiros.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir