Fraseoloxía do Nadal

O mes de decembro está marcado pola celebración do Nadal e o rebumbio que se organiza ao redor del. Isto todo comeza hai moitísimo tempo atrás, as civilizacións primitivas veneraban o momento no que coincide o período de mínima potencia solar co intre no que o Sol comeza o seu renacemento cíclico a partir do solsticio de inverno. Nestas circunstancias organizábanse festexos pagáns moi populares que o cristianismo adaptou para as súas propias celebracións (o nacemento do Xesús). Da importancia e popularidade deste tempo dá proba a etnografía, que describe unha infinidade de ritos e tradicións que xiran del; mais tamén a lingua nos proporciona evidencias abondas da relevancia desta celebración coa boa manchea de frases feitas e refráns referidos dalgunha maneira ao Nadal.

Por unha banda temos aquelas paremias que se empregaban como parte meteorolóxico; moitas son descritivas de como será o tempo atmosférico. Deste tipo son as seguintes Tralo veranciño de Sanmartiño chega Nadal co seu inverniño ou Friaxe no Nadal, non fai mal, que nos informan de que o esperable no nadal son as temperaturas baixas. Como tampouco será raro que chova ou neve, segundo a zona, claro: No mes de Nadal a auga cobre o fondal, As chuvias de Nadal non fan mal, De Santos e Nadal, ben chover ben nevar; mesmo anuncian o que se pode agardar, se non hai anomalías climáticas: Se chove moito en Nadal, ano formal ou Cando Nadal nada, sinal de boa anada.

Estas datas festivas están asociadas á comida e aos alimentos de tempada. Para poder termos boas papatorias deberemos ter materia prima, e nese sentido debemos entender o refrán Santo Tomé agarra o cocho polo pé, pois o habitual era matar o porco en decembro (santo Tomé é o 21 de decembro), tempo en que a friaxe permitía a manipulación e certa conservación da carne ata a salgadura, e que acaía ben para asegurar os ingredientes para degustar nos banquetes próximos. Tamén recoñecemos como expresións relacionadas coa gastronomía outras como: O coello por san Xoán e a perdiz polo Nadal (cando se comía como ave silvestre o período de caza comprendía o último trimestre do ano), Cada cousa no seu tempo, e os nabos no Advento, No Nadal, alegrote, alegrote, que hai viño na cuba e chourizos no pote, En novembro fabas e en Nadal cabazas ou Nadal sen porco non veñan moitos. Aínda que son manxares saborosos, ás veces, poden resultar indixestos: Castañas en Nadal saben ben e prestan mal.

O frío e as inclemencias atmosféricas dan sentido ás recomendacións de buscar abrigo: No mes de Nadal a carón da lareira vaite sentar, Mes de Nadal, mes de capón a carón do lar ou En Nadal, casa e cerca da brasa. E a outro tipo de abeiro refírese En Nadal, cada ovella ó seu curral, que nos aconsella que nesta época é ben buscar o abrigo e a calor dos máis próximos.

Os días no mes de decembro son curtos e as noites longas, escuras e mesmo perigosas: Nadal sen lúa, de cen que levas, pegureiro, quedarache unha. Porén a partir do solsticio de inverno a luz do día aumenta e as noites empezan a parecer menos sinistras: Díxolle o neno a san Xoán, de ti a min minguarán, de min a ti medrarán (os días). O refraneiro tamén dá noticia do cambio de ano no calendario: O que a san Silvestre vai e alá dorme, nun ano vai e no outro volve. Os gastos do novo ano sonche comúns aos ricos e aos pobres: Aninovo tanto é para o que ten, coma para o que non ten. Malia todo, nós o que vos desexamos a todas e a todos é que teñades unhas boas festas e que as pasedes ledos coma un neno en Reis.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir