Achégase a noite de San Xoán, esa noite do 23 ao 24 de xuño na que en toda Galicia se acenden grandes laradas –en Arde o país todo! poderás descubrir outras das súas denominacións–. Na antigüidade, esta festa celebraba a chegada do solsticio de verán e os nosos devanceiros tentaban darlle forzas ao astro rei (o Sol) prendendo lumes, xa que a partir dese día empezaba a brillar menos horas ao día. Anos máis tarde a festa cristianizouse e relacionouse coa conmemoración do nacemento de san Xoán Bautista. Inda así, o lume mantivo o seu poder purificador e é por iso que todos os anos damos voltas ao redor das lumieiras ou saltámolas para eliminar o meigallo e calquera outro posible mal. No Allos con bugallos Saltar o lume de san Xoán podes ver o esconxuro propio deste rito, por se queres botar man del.
Unha celebración tan arraigada na cultura galega coma esta, non só deixou pegada nos ritos e tradicións, senón que fixo o propio na lingua. Amais, a importancia da festa ocasionou que esta se convertese nun referente temporal cando non se tiña un almanaque no peto. A través da expresión mes de san Xoán, o nome da festividade pasou a designar todo o mes en que se celebra esta, de aí que san Xoán se convertese nunha das súas acepcións en sinónimo de xuño.
Imos ver algúns dos fraseoloxismos (expresións ou frases feitas propias dunha lingua, dun medio, dun autor etc.) que nos deixou a cultura popular galega e onde se emprega como mes do calendario.
Algúns fan referencia á entrada do verán e á maior cantidade de horas de luz diaria, como por exemplo: san Xoán chegado, primavera no cabo (que sinala que a primavera remata xusto co día das cacharelas); no día de san Xoán, baila o sol pola mañán; ou polo san Xoán, as nove con día dan (que se refire a que é o día con máis horas solares do ano)
Noutras ocasións a indicación temporal do mes de xuño co nome da celebración serve para situar as festividades doutros santos. Neste senso, atopamos a seguinte paremia: dezasete de xaneiro, santo Antonio verdadeiro; trece de san Xoán, santo Antonio mentirán. Como curiosidade, santo Antonio «o verdadeiro» é santo Antonio Abade; o «mentirán» ou «mentireiro» é o Santo Antonio de Padua, porque nin se chamaba Antonio (senón Fernando), nin viña de Padua (que era de Lisboa), nin pertencía aos agostiños (senón aos franciscanos).
Antes de termos Meteogalicia empregábanse refráns para anunciarnos o tempo que viña. Imos ver como o refraneiro galego trata o san Xoán (como sinónimo de xuño) respecto á climatoloxía e que recomendacións nos dá para saber como actuar. Atopamos refráns descritivos como maio treboado e san Xoán claro fan un ano temperado ou entre san Xoán e Santiago –mes de xullo–, Deus nos libre dun nubrado; mais tamén outros que nos alertan do efecto sobre as colleitas de certos fenómenos atmosféricos que suceden en xuño, así atopamos as seguintes: a frieira de san Xoán quita o viño e non dá pan, unha xeada imprevista resulta fatal para a uva e o trigo; pola contra, ballón de maio e sol de san Xoán, sobe a herba por riba do pan e se san Xoán vén claro e maio pardo, da leira para a casa cantará o carro.
En ocasións, a fraseoloxía tamén se emprega para sinalar que no sexto mes do ano xa imos con atraso para certas tarefas. Velaquí tres variantes da mesma paremia para falar de que xa pasou o tempo da captura dos enxames, os enxames de abril, gárdaos para ti; os de maio, a quen chos pida dállos; e os de san Xoán bótallos ó can; da pesca da lamprea en Pontevedra, no abril, para min; no maio, para o amo; no san Xoán, para o can; ou do salmón en Ourense, no abril, para min; no maio, para o criado; no san Xoán, para o can. Porén, é bo tempo para a recolleita do cereal: en san Xoán recollo o pan, que en santa Mariña –mes de xullo– na meda fai fariña.