
Imaxe de krystianwin en Pixabay
Desde a antigüidade coñécese que hai apaixonados da degustación de cogomelos, mesmo algunha especie é considerada unha delicatessen; mais tamén se dá o caso contrario, hai persoas que lles teñen pavor aos fungos. Ás primeiras podemos chamalas micófagos (comedores de cogomelos) e os segundos, micófobos −os que lle teñen un medo tremendo.
Semella que a sociedade galega non era moito de saborear os cogomelos, algo un chisco contraditorio dado que as condicións atmosféricas propias favorecen que se incen deles as leiras e os montes. Mais non só nacen os da caste comestible, senón tamén os que resultan indixestos e mesmo letais. Por esta razón estaría xustificada a mala fama dos fungos. Sexa como for, a nomenclatura que se lles outorgou a algunhas especies ou a fraseoloxía que se artellou ao redor deles indícanos que moito cariño non lles tiñamos, inda que a cousa parece estar a mudar nos últimos tempos.
Comezamos polos nomes patrimoniais que reciben algunhas variedades. O termo cogomelo é un substantivo xenérico que procede do latín vulgar cucumellum, diminutivo da voz cucuma ‘tipo de vaso’, designación relacionada coa forma dos cogomelos, semellante a unha copa. O Dicionario dá como sinónimos as seguinte frases: pan de sapo, de cobra ou de raposo. A denominación pan explícase polo aspecto externo, xa que ao ser marrón por fóra e branco no interior lembra unha codia de pan; mais as especificacións relacionadas con animais considerados daniños como o sapo, a cobra e o raposo, lévanos a pensar que se vinculaban con alimentos non propios para o ser humano pola súa toxicidade. Tamén se perciben nocións negativas nos nomes das seguintes variedades: os peidos do lobo e a orella de Xudas, xa que culturalmente se vincula o mamífero carnívoro como o inimigo dos rabaños e o segundo como o personaxe que simboliza traizón; pero resulta que ambas as dúas posúen propiedades benéficas medicinais que podemos descubrir no refrán meniño encetado, auga da fonte e po de peido de lobo, xa que se aplican nas feridas as esporas destes fungos, que son cicatrizantes e antibióticas.
A sabedoría popular creou unha serie de ditos que pretenden advertirnos da perniciosidade destes aparecidos outonizos. Primeiramente xa sentencia que “Moito tes que saber para cogomelos comer”, onde se nos indica que para saborear calquera tipo de cogomelo cómpre saber recoñecer os que son comestibles; e ante calquera dúbida que teñamos: “Vale máis fungo perdido que comido” ou “Se queres morrer, a cegas fungos coller”. Tampouco é conveniente aceptar aqueles de procedencia dubidosa: “Fungo regalado con discreción tiralo”, e, por suposto, inxerilos cando están en boas condicións xa que as consecuencias poden resultar dramáticas: “Dun erro, faise un enterro” ou “O peor do erro é o enterro.”
Porén, non todo é tan negativo, fomos quen de aprender a recoñecelos e vencer os nosos reparos sobre eles. Non era infrecuente observar o que facían os peregrinos do Camiño de Santiago, que apañaban cogumelos nos nosos bosques e comíanos despois. Así xustificamos os ditos sobre a variedade comestible que mellor distinguimos: “Setembro mollado, cogordo no castaño”, “Choupín, choupiñeiro, dime onde están os teus compañeiros”; “Chourizos a espeto, choupíns na tixola, viño no cubeto e pan de broa fan amigos a todas horas”.