Fraseoloxía porcina

O mes de novembro ten dous protagonistas fundamentais que son a castaña e o porco. Estes dous produtos sacáronnos a fame ao longo da historia, isto xustifica que xurdan dúas celebracións con estes manxares como protagonistas, o magosto e a mata, localizadas ao redor do san Martiño, o 11 de novembro.

A mata, nomeada tamén como matalota e matanza, era un piar fundamental da economía doméstica no medio rural, dado que aseguraba practicamente un ano enteiro de alimento cárnico. A importancia desta circunstancia deixa pegada na sociedade galega e na propia lingua. Este evento propiciaba o encontro das familias cos seus veciños, xa que había diversos labores asociados a este acontecemento, que requirían a axuda de moitas mans. A denominación coa cal se coñece esta colaboración é a roga, voz que designa o “grupo de persoas que se xuntan”, pero tamén a “práctica de axuda mutua entre veciños”.

O sacrificio do porco facíase coincidir cos meses de máis frío para facilitar a manipulación da carne sen risco de intoxicación. O refrán polo san Martiño, mata o teu porquiño, sinala a data de inicio deste período. O porco da ceba era a fonte de sustento de máis valor nunha casa de labranza, posto que deste animal se aproveita todo e asegura a mantenza para unha longa tempada, garantida principalmente grazas á salgadura da carne, aos embutidos e á curación dos xamóns pendurados no afumadoiro. En tempos de moita necesidade chegar a poder matar un cocho era primordial e, só sabendo isto, se pode entender o dito ao rico mórrenlle os fillos e ao pobre os porcos. Para as familias humildes a perda do cebote resultaba un feito case tan dramático coma a morte dun fillo.

A paremia o que nunca tivo nada, e agora ten un porquiño, anda pola rúa, quiniño, quiniño fai referencia a aquelas persoas cunha fachenda esaxerada ao acadaren un chisco de fortuna; nun senso semellante débese entender estoutra sentenza ascendeu de porco a rancho ou a marrán, atribuída a aqueles que, malia o empeño, obtiveron escasas ganancias e pouca prosperidade, polo que todo queda reducido ás aparencias. Outra frase feita indicadora de non ter moita sorte como negociante ou ser vítima dun calote é andar enganado coma un porco no mes de santos, na que se establece unha analoxía coa mala sorte do porco destinado á morte no mes de novembro.

Máis expresións nas que está presente o porco, que retratan o ser das persoas son andar/ ser coma/ parecer o porquiño de Santo Antón, que se aplica á persoa voluble e tamén á que adoita comer nas casas alleas e, polo tanto, é de bo dente. Nalgúns lugares de Galicia existía o costume de ofrecerlle ao santo Antón (patrón dos animais) as ganancias da poxa da carne dun porco criado entre toda a veciñanza, animal que ía de porta en porta para que lle desen de comer. Tampouco se está dicindo nada positivo de alguén cando se sentencia que algo lle queda / cae / senta coma a un porco unha gravata, pois estase indicando del que é ridículo e chafalleiro. Pero peor valorada está aínda a descortesía cos demais, e por iso se di, cando alguén é descortés, que ata un porco cando pasa por onda outro roña. Mais… de pais porcos, fillos marraos, a falta de educación, ao mellor, éche unha cousa herdada da familia. Malia todo isto aínda poden ter sorte na vida, ás veces un porco ruín topa unha castaña boa.

Do cocho aprovéitase todo, desde a orella ata a punta do rabo, e no eido da lingua tamén dá ben de si. Hoxe presentamos unha manchea de paremias co porco como pretexto, pero existen moitos outros refráns, e mesmo se atopou unha enumeración que serve para aprenderlles a contar aos pícaros e pícaras: de tres porcos seis touciños, doce patas, tres fociños, seis orellas e tres rabos, trinta anacos ben contados.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir