
Ás veces, fáltanos a paciencia. Outras, estamos aborrecidos. E daquela, sóbenos o xenio e non aturamos máis… nesas circunstancias vénnos a boca unha manchea de sentenzas para indicarlle a calquera que, por favor, se afaste e deixe de molestar, que non é benvido; mais claro, con menos delicadezas. Son frases catalogadas como descorteses (pouco amables), aínda que se pode producir unha neutralización do valor despectivo e rematan sendo un simple elemento de realce expresivo, de interacción comunicativa. Imos darlle unha volta a algunhas delas sen alporizármonos moito.
Unha destas paremias, serviu de lema para un anuncio publicitario non hai tanto, que foi que che dean bertorella! Esta xorde porque a pescada foi considerada un artigo de luxo que se reservaba para as festas e días de celebración, mais cando non se podía chegar a ela, botábase man da bertorella (máis económica) que rebozada pasaba por vez, aínda que non deixaba de haber certo grao de fraude. O falante bota man desta expresión se se farta de alguén, para indicarlle que marche e, como o anoxo é maiúsculo, deséxalle que o agasallen co máis ruín.
Hai unha serie de locucións que indican anoxo e fartura, sobre todo, cando o outro interlocutor resulta moi pesado. A pretensión de todas elas é encomendarlle á persoa que queremos desfacernos dela e que faga unha encomenda moi difícil ou case imposible. Algúns exemplos destas tarefas son os que seguen: vai buscar herba para a bicicleta!, vai capar o grilo! ou vai ver se a gata ten un ovo! As tres enténdense dentro da cultura rural; pero son nidias tamén para calquera persoa de hoxe en día. É evidente que se corta herba para o gando, a especial para bicicletas é difícil de acadar por inexistente; outro imposible é castrar un grilo; e os ovos quítanselles ás galiñas e non aos gatos. Outro labor agrario de realización dificultosa é o que aparece en vai plantar amieiros coa frouma para arriba! dado que, ata onde sabemos, a frouma é a folla do piñeiro, non dos amieiros.
Resulta curioso que a gaita, instrumento tradicional que se relaciona coas festas e o lecer, se use, en ocasións, na fraseoloxía para indicar fastío e cólera, como se observa nos seguintes fraseoloxismos: virlle con gaitas a alguén é amolar directamente a persoa; non está o alcacén para gaitas deixa claro que a situación non é óptima para barullar e molestar, a explicación radica no costume infantil de facer chifres coa palla deste cereal, o alcacén, que non son melodiosos; ou ser algo unha gaita (como se ve no exemplo: non está moi lonxe, a quince quilómetros; pero é unha gaita porque teño que ir en coche ata aló) indica que algo é un contratempo ou un inconveniente que non se vai realizar gustosamente.