Fraseoloxía sobre a fortuna

Imaxe de P. Lameiro – Obra propia, Dominio público

A estas alturas do ano acae pedir que a fortuna nos sorría a todas as persoas de ben e que nos acompañe para todo o que nos poida vir. A voz xa no latín significaba ‘sorte’, ‘destino’ ou ‘felicidade’. Pregamos que nos acompañe a sorte nos plans futuros e que todos os malos fados (do latín fatum ‘profecía’ ou ‘oráculo’) se afasten de nós e dos nosos. Aínda que a razón indica que mellor acollérmonos á ciencia e á sabedoría para termos tranquilidade no porvir, invocamos a boaventura, non vaia ser o demo!

Na lingua abundan as voces que se relacionan coa sorte, ese “poder ou forza imaxinaria á que se lle atribúe a distribución da felicidade ou da desgraza” que bebe do latín sortem cun significado semellante ao actual e común ás linguas romances. Relacionamos esta voz con outras como boaventura e ventura que tamén nos chegan desde o latín ventura ‘o que ha de vir’ nun sentido positivo, substantivo do que deriva o adxectivo venturoso, –a, de aí o venturoso aninovo! das nadaliñas de fin de ano. Cando gozamos de boa sorte sentímonos afortunados, ditosos ou avegosos, palabra esta última que xa atopamos nas cantigas medievais co significado de ‘que goza de boa ventura’ e que nos leva ao latín vulgar *avicosum que vén de avis ‘ave’.

Un xeito de presumir de acadar a sorte témolo na fraseoloxía e nos refráns. Daquela dunha maneira coloquial dicimos: ter chorra ou ter potra para manifestar que gozamos de fortuna. Máis se as cousas veñen mal dadas e non nos chega a boaventura desexada daquela argumentamos que temos a negra (onde asociamos o infortunio coa cor escura); ou, se nos permitimos ser vulgares, manifestamos que un está mexado dun can.

O mellor sería estar achegado á sorte desde o primeiro día das nosas vidas, como indican as expresións naciches con boa fada, de pé coma o gato ou que estás arrimado a Deus (houbo un tempo este acompañamento estaba moi valorado). Se esperamos que nos vaia ben de súpeto, entón agardamos por un golpe de fortuna ou sorte. Porén, mellor ser precavidos e escorrentar o posible infortunio berrando aquilo de meighas fóra! ou que o demo sexa xordo! Se nos desalentamos porque non damos levantado cabeza, lembraremos aquilo de cada martes ten o seu domingo e que non hai mal que cen anos dure!

O refraneiro ensínanos que iso da sorte é aleatorio e, por veces, inxusto. Así cobran sentido ditos como: A sorte non é para quen a busca, senón para quen a atopa. Hai pillabáns con fortuna e homes de ben con ningunha. Mais sen rancor ningún, non si? Porque a boa ventura nunca moito dura. E aínda así somos de bo conformar: quen ten unha boa hora, non as ten malas todas.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir