furna

Unha marea de poesía

Este verán percorremos Galicia dende Ribadeo ata A Guarda, sempre á beira do mar. No Portal das Palabras adoramos o interior, os seus ríos, montañas e devesas, pero despois de tanto confinamento precisamos o cheiro a marusía máis ca nunca e decidimos emprender unha viaxe ao longo dos 1.498 quilómetros da costa que baña esta terra. E facémolo na mellor compaña posible: a vosa e a da poesía. A marea de versos vén cargada de palabras relacionadas co mar que inspiran os poetas dende os tempos dos trobadores medievais e o Rexurdimento ata a actualidade. Comezamos!

augamar | gaivota | furna | buguina | salseiro | robaliza | pailebote | cantil

Quen poidera vivir coma elas,
nas praias e bancos,
nos baixos e furnas,
nas sirtes e fachos,
nos seos esquivos
dos feros peñascos!
Queixumes dos pinos, Eduardo Pondal (1886)

 

O gran bardo de Bergantiños expresou nos versos que abren este novo Allos con bugallos sobre a poesía e o mar o seu desexo de ser libre, e fíxoo mesturando palabras cultas e outras populares como furna. O dato non é anecdótico, porque o autor do poema Os pinos, que lle deu letra ao Himno galego foi un dos primeiros, xunto con Antonio de la Iglesia, en empregar na lingua escrita esta voz e outras da fala mariñeira. En realidade, como indica o Dicionario, as furnas son cavidades naturais abertas nas rochas que non son exclusivas da ribeira, pero o certo é que o termo adoita empregarse sobre todo para as producidas pola bater constante do mar.

Non estraña que Eduardo Pondal escollese as furnas para estes versos. Envólveas o misterio, agochan tesouros e fuxidos, dan acubillo a criaturas fabulosas… Claro que se falamos da palabra en si mesma, todo é menos enigmático. Unha das hipóteses sinala que a súa orixe está en *fornia, que remite ao latín fornix ‘bóveda’, ‘túnel’ ou ‘rocha aburatada’, aínda que o filólogo Joan Corominas sostén que tamén pode gardar relación con furnus ‘forno’, o que explicaría as acepcións atopadas nalgúns dos dicionarios históricos tan afastadas do significado da voz traballada. En calquera caso, ten parentes directos noutras linguas. No portugués atopamos furna ‘caverna’ ou ‘cráter’, e no catalán forna.

Se furna non nos parece unha palabra abondo poética, sempre podemos optar por cafurna, un sinónimo de orixe algo máis controvertida no que atinxe ao elemento inicial. A partir de furna tamén se forma o vocábulo palafurna, unha cova subterránea creada de maneira natural.

O Dicionario suxírenos arredor da palabra que nos ocupa outras voces irmandadas no significado, mais xa sen mención específica ao mar, como gruta, pala ou espenuca, que vén desde o latín spelunca cun significado semellante. E, por suposto, cova! A cova designa calquera cavidade natural ou artificial nun terreo, pero conta tamén con dúas acepcións máis. Unha delas refírese á cavidade que serve de refuxio ou vivenda a certos animais. Se eses animais son os nosos devanceiros, adoitamos empregar outro sinónimo, caverna. Procede do latín caverna, forma que deriva á súa vez de cavus ‘cavado’ ou ‘profundo’, o mesmo que a cava –outro xeito de chamarlle á adega– e a cova que procede do latín arcaico covus e emparentada con cava. Isto lémbranos que Pondal foi todo un referente da Cova Céltica, o faladoiro coruñés de intelectuais galeguistas que, como delata o seu nome, eran firmes defensores do celtismo que tanto caracteriza a poesía pondaliana. Pero rematamos esta xeira estival dedicada ao mar na poesía noutro punto da nosa costa, Porto do Son. Alí nos agarda a praia das Furnas, un recuncho de beleza tamén poética.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir