gaivota

Unha marea de poesía

No verán percorremos Galicia dende Ribadeo ata A Guarda, sempre á beira do mar. No Portal das Palabras adoramos o interior, os seus ríos, montañas e devesas, pero tamén precisamos o cheiro a marusía máis ca nunca e decidimos emprender unha viaxe ao longo dos 1.498 quilómetros da costa que baña esta terra. E facémolo na mellor compaña posible: a vosa e a da poesía. A marea de versos vén cargada de palabras relacionadas co mar que inspiran os poetas dende os tempos dos trobadores medievais e o Rexurdimento ata a actualidade. Comezamos!

augamar | gaivota | furna | buguina | salseiro | robaliza | pailebote | cantil

Muller, amiga,
quero ve-lo mar contigo polas fiestras abertas,
sulcar imaxes de gaivotas namoradas
e berrar pola vida,
nos límites mesmos da loucura,
nosa é a ternura, este recuperar o verso e a historia
a entraña do ser,
o misterio da silenciada rebeldía.
“Rosalía, tan amiga”, Palabra de mar, Ana Romaní (1987)

 

Continuamos a viaxe pola poesía e o mar da man de Ana Romaní. Non podía faltar nesta travesía a poeta que titulou o seu primeiro poemario Palabra de mar, páxinas poboadas dunha rica simboloxía de elementos mariños e a ollada feminista que atravesarán toda a súa creación. Dos seus versos poderiamos rescatar moreas de palabras salgadas, pero erguémola vista para ollar as gaivotas namoradas da composición chea de sororidade que lle dedicou a Rosalía, precursora excepcional na reivindicación da igualdade de xénero dende as nosas letras. A escolla evoca  ademais os anos de mocidade da académica na súa  Noia natal, onde descubriu o mar e poesía, e onde principiou o activismo cultural no Grupo de Animación Sociocultural Gueivota coa forza da gheada da beiramar.

No latín clásico a gaivota coñecíase como larus, que bebía do grego larós, termo do que procede o nome científico da familia de aves á que pertence, a dos láridos. Máis adiante pasou a ser chamada na mesma lingua gavia, ae, voz latina de orixe onomatopeica, inspirada no seu peculiar xeito de grallar. Esta forma comeza a se rexistrar na época de Plinio, cando empeza a decadencia da lingua de Roma. Hoxe en catalán esta forma mantense, sen apenas cambios, como gavià, aínda que nese idioma tamén se lle chama gavina, igual ca no italiano. As denominacións galegas e portuguesas, igual ca no castelán, incorporaron a terminación –ota. Así xorde a gaviota que empregan os escritores do Século de Ouro español, mentres que en galego e portugués aparece gaivota, coa metátese da vogal palatal. Cando Sarmiento documentou esta forma no século XVIII, xa deixou constancia doutra variante escoitada na ría da Arousa, gavota, que tamén figura no Dicionario, aínda que a forma prioritaria sexa a primeira.

Cando imos dende o interior cara á costa, as gaivotas anticípannos a chegada, pero tamén llela anuncian aos barcos que regresan a porto. E se sabemos escoitalas ben, dirannos máis cousas. Cando menos iso é o que asegura o refraneiro, que nos deixa distintas probas de que cando fican en terra están a anunciar que o tempo non acompaña para saír ao mar. Gaivotas na serra, mariñeiro na terra; gaivota no mar, mariñeiro a pescar e Gaivotas en terra, mariñeiro na taberna son dous exemplos ben clariños. Ou dito doutro xeito, Cando a gaivota anda á gravisela, mal pra nós e fame para ela (anda a papar a semente nacida das leiras!). Porque, aínda que cada vez se alimenten dun menú máis variado (hainas afeccionadas aos vertedoiros), o certo é que as aves que nos ocupan teñen predilección polo peixe, así que seguindo o seu rastro seguro que acertamos ao botar as redes: Onde haxa pesca gaivotas verás.

Mentres a cultura popular dos refráns nos transmite consellos de carácter práctico, a alta cultura adoita converter a gaivota en símbolo con distintos significados máis ou menos elevados. Cecilia Böhl de Faber (1796-1877) púxelle este nome á protagonista da novela La gaviota; o dramaturgo ruso Antón Chéjov (1860-1904) escribiu unha peza teatral mestra con idéntico título e o escritor estadounidense Richard Bach (1936) converteu nun supervendas Jonathan Livingston Seagull (A historia da gaivota Jonathan Livingston), protagonizado por unha gaivota que quere aprender a voar e vivir en liberade.

Tras este breve percorrido por outras literaturas, préstanos rematar esta singradura coa autora que quixo homenaxear Ana Romaní cos versos da apertura. A gran Rosalía tamén fixo grallar as gaivotas en Follas Novas. Simbolizan aquí a perda, o que deixan atrás os homes emigrados, na ribeira chea de viúvas e tamén dos mortos que enguliu o mar. Simbolizan, dalgún xeito, o que se ama, como se aman as gaivotas namoradas.

Chilan as gaivotas
¡alá lonxe…!, ¡moi lonxe!
na prácida ribeira solitaria
que convida ó descanso i ós amores.
“Prá Habana”, Follas Novas, Rosalía de Castro (1880)
Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir