garula

Xuntanzas estivais ou non

Este verán será o dos reencontros! Habemos de xuntarnos de novo. Non será coma os veráns de antes da pandemia, aínda habemos de ser prudentes porque o bicho segue solto. Mais estamos de volta, retornamos á algarabía. Florencio Delgado Gurriarán cantoulle a Valdeorras e ás súas festas… E nosoutras e nosoutros este verán imos tentar emulalo e darlle unha volta ás palabras que se empregan para indicar que nos xuntamos máis de dous para organizar unha quedada. Comezaremos coas máis buliciosas e rebuldeiras, propias do estío, e xa cara á fin do verán xuntarémonos para cousas un chisco máis serias.

festa | fiadeiro | garula | romaría | maios | ruada | mitin | convención

Nesta ocasión ímonos xuntar para comer en boa compaña. Non está mal a idea, non? Desde que a humanidade descubriu o cociñar manifestamos o noso agradecemento ofrecéndolles  manxares aos demais. Por unha banda agasallamos con produtos propios e de boa calidade. Así dámoslles ás nosas amizades unha botella de viño, un queixo ou unha lambonada; era tradicional na matanza obsequiar as persoas que nos axudaron ou a quen lle debemos un favor coa proba do porco.

Somos uns mestres das festas gastronómicas, da exaltación dun produto concreto e ao longo do noso territorio hai un cento de festas organizadas ao redor dun manxar autóctono. Daquela, como os nosos artigos son as palabras imos ver no Dicionario as “reunións de xente para comer e divertirse”. Quizais a máis popular é a sardiñada, sobre todo no verán, unha comida baseada en comer sardiñas asadas acabou por se converter nunha festa familiar ou popular onde se asan estes peixes no espazo público. As de máis sona son as da noite de San Xoán, o 24 de xuño.

Coñecemos cos nomes de garula ou gallofa unha ‘xuntanza de persoas para comer e divertirse’. A palabra gallofa crese que ten a súa orixe na expresión galli offa que significaba ‘bocado do francés’ que era propia do latín que se usaba nos conventos medievais. O termo galli sinala os franceses e logo, por metonimia, acabou por designar tamén os peregrinos que ían a Compostela. O tal bocado sería a pequena porción que se lles daba aos viaxantes por caridade.

A mociña dos beizos de cereixa escolleu o relanzo máis agachado para o seu ledo labor de lavandeira, e, baixo ravesosos arcos de follamio e garula de paxaros, bate e frega unha prenda moi branca na pedra luída. Non obstante o frescor do sitio escolleito, a laboría puxo lume nas meixelas da moza.

Rafael Dieste, Arquivos do Trasno, 1926.

Esta palabra tamén pasa a outras linguas románicas, sobre todo, a aquelas onde discorren rutas de peregrinación como son o francés, o castelán e o italiano. A garula, ademais de ser o festexo para comer e gozar, é -segundo o Dicionario, noutra acepción- a propia fame, as ganas de comer ou o apetito.

Outra forma de mencionar un xuntoiro informal de amigos para comer en exceso é a comedela. Se sucede a media tarde daquela éche unha merendola. Se a cousa se volve formal e as vituallas (de formato pequeno) se toman de pé, convértese nun cóctel.

Cando o asunto é campar, ofrécese un banquete, que é unha celebración con comida abundante. O termo procede do francés banquet, mais este foino buscar ao italiano banchetto, diminutivo de banco ‘banco’ porque, desta volta, temos que estar sentados á mesa ao mellor en bancos corridos para que nos sirvan o xantar. Empregamos como sinónimo a voz ágape, que procede do latín tardío agăpe, este foi ao grego agápē onde significaba ‘afecto’ ou ‘amor fraternal’. Parece ser que os primeiros cristiáns organizaban unha comida fraternal para estreitar relacións e chamábanlle ágape.

Ben, logo de tanta xuntanza para comer e se divertir, esperamos que quedásedes coma cucos. Ata a próxima.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir