Os comicios do Parlamento neerlandés de marzo de 2017 centraron a atención de Europa, ocupando boa parte dos espazos informativos e os medios de comunicación. En moitas das informacións, foi posible observar unha confusión nos xentilicios e mais no nome do país onde se celebraron as eleccións. Así, falábase indistintamente de Países Baixos e Holanda e, por consecuencia, alternaban como sinónimos neerlandeses e holandeses. Porén, nin historicamente nin na actualidade, podemos considerar correctos estes usos indiscriminados, polo que convén precisar o significado de cada nome.
O reino dos Países Baixos é unha entidade política, onde a día de hoxe rexe o monarca Guillerme Alexandre; comprende o territorio estrito dos Países Baixos –é dicir, unha zona de Europa– mais as illas caribeñas Aruba, Bonaire, Curação, Saba, Santo Eustaquio e mais San Martiño –isto é, América Central–. Os Países Baixos son o principal país constituínte do reino e nel viven arredor de 17 millóns de persoas, dos 17’3 millóns de habitantes totais do conxunto do reino.
Pola súa banda, Holanda é unha rexión dos Países Baixos, a máis occidental, que se dividide en dúas provincias, a Setentrional e a Meridional. Designar o conxunto dos Países Baixos polo nome da súa rexión, Holanda, aínda que sexa a máis extensa e produtiva, é unha especie de metonimia político-administrativa que non corresponde a un uso preciso dos termos.
Respecto á lingua, o holandés é unha variante territorial do neerlandés, idioma común aos Países Baixos e a Flandres, onde é chamado flamengo. Pola súa banda, a forma do xentilicio dos homes e mulleres nados e/ou residentes en Holanda é holandés e holandesa, en tanto que a forma de chamarlle á persoa oriúnda dos Países Baixos é neerlandés ou neerlandesa. Este termo procede do topónimo na lingua orixinaria Nederland que significa Países Baixos (neder, baixo e land, terra ou país). Á súa vez, segundo o Dicionario de Oxford, Holanda viría do neerlandés antigo co significado de ‘terra boscosa’.