O profesor Basilio Losada, nado en Láncara en 1930, era un home de letras, inda que estudou dereito, despois de se licenciar en Filosofía e Letras coas especialidades de Historia da Arte e Filoloxía. Vendo que se podía vivir das humanidades, en 1975 doutorouse en Filoloxía Galega coa tese titulada Temas de Rosalía de Castro. Malia emigrar a Cataluña sendo un neno de catro anos, a lingua galega converteuse na súa paixón grazas a que súa nai nunca lla deixou de falar e os domingos na súa casa reuníanse os coñecidos para tomaren un chocolate e para poderen dialogar no seu idioma. Esa devoción converteuno no primeiro catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa na Universitat de Barcelona en 1986.
Foi unha persoa polifacética. Se estudamos polo miúdo a traxectoria do lancarao vemos que destacou en diferentes ámbitos. Para os seus alumnos e alumnas foi un bo profesor; no mundo literario, é o autor de varios libros de investigación e de ficción; mais destacou como tradutor divulgando as letras galegas fóra de Galicia vertendo ao castelán autores como Xohana Torres, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro ou Uxío Novoneyra, entre moitos outros. Pero tamén nos trouxo ao galego as voces poéticas catalás. Por outra banda, Basilio Losada contribuíu á difusión das letras portuguesas e brasileiras nunha España que vivía de costas a Portugal e ao Brasil. El presentounos por primeira vez a obra de Jorge Amado e a de Clarice Lispector, e traduciu varias obras de José Saramago, feito que facilitou a popularización da figura do premio Nobel portugués.
Daquela, a primeira palabra que nos vén á cabeza para falar do profesor Losada é a de filólogo. Termo culto que se define como a “persoa especialista ou versada en filoloxía”. Creación froito da reunión de dous formantes de orixe grega philos- que significaba ‘amigo’ e –lógos que se refería á ‘linguaxe’, ‘idea’ ou ‘obra literaria’. Xa atopamos este vocábulo no propio latín philologus, que remitía á palabra helena philólogos, para referirse ao ‘afeccionado ás letras’, ou tamén ‘o erudito’, particularmente na linguaxe. Outra palabra que o perfila é a voz tradutor, procedente do latín traductorem ‘o que fai pasar dun lugar a outro’. Basilio Losada outorgoulle outro sentido á palabra lusofonía, termo que na xeografía lingüística indica a realidade dos diversos países que falan a lingua portuguesa, produto da expansión deste país. Para o noso profesor, no ámbito galego, era a relación que se establece entre os galegos e os portugueses grazas aos trazos lingüísticos compartidos que permiten o entendemento común.
Por todo o dito podemos dicir del que foi un dos embaixadores da lingua e da cultura galega. O substantivo embaixador pertence á mesma familia ca embaixada. Crese que é unha palabra de orixe celta, que aparece documentada no baixo latín na forma ambactia, que significaba ‘encarga’. No occitano encontramos o verbo ambaissar ‘cumprir unha encarga’ e o substantivo ambaissada ‘encarga’ ou ‘mensaxe’, e esta última voz foi recollida por varias linguas europeas: o portugués, embaixada, o inglés embassy, o italiano ambasciata, o francés ambassade etc.