Do que nos gusta andar de festa dá fe a abondosa cantidade de léxico que temos para nos referir ás xuntanzas nas que a xente se divirte entre bailes e cantigas. Entre os traballos de Antonio Fraguas, o noso homenaxeado das Letras Galegas 2019, figuran varios sobre as festas populares en Galicia así como a coñecida contribución ao cancioneiro de Cotobade, a súa terra natal.
Ruada e foliada son algunhas das palabras que empregamos para denominar estas reunións festeiras, xeralmente nocturnas, como podemos deducir da voz serán que é outra das maneiras de chamarlles:
Esta noite hai serán
non me deixan ir a el,
coitado do meu galán
quen ha de bailar con el.
A palabra serán derívase do vocábulo latino serum co significado de ‘tarde’ e que evolucionou no latín tardío a *serānum. O mesmo étimo, e tamén o mesmo significado, que ten a voz sarao no castelán. Ruada, e tamén o verbo ruar, derivan do substantivo “rúa” que procede dunha forma do latín tardío ruga onde significaba “camiño”. A palabra ruada, como se recolle no dicionario, serve tamén para denominar o percorrido que fan os mozos polas rúas bailando e botando serenatas, que é outra maneira de divertirse.
Á par destas festas, que teñen unhas denominacións que podemos chamar xenéricas, o certo é que calquera escusa valía para organizar unha xuntanza na que a mocidade se divertise cantando unhas coplas e botándolle uns bailes. Ao rematar moitos dos labores do campo era habitual facer unha pequena celebración e así se facía despois da vendima, da sega, da malla ou ao acabar de facer o palleiro. Outras veces era o propio traballo o que servía para aproveitar a reunión e mirar de entreterse un pouco. Era esta unha diversión colectiva coma os labores que facían e nos que colaboraban familiares e veciños. Exemplos disto son as coñecidas esfolladas ou os fiadeiros onde a reunión valía, ademais de para esfollar o millo ou fiar o liño, para facer a festa.
Acabáronse as vendimas
e veñen as esfolladas,
pra comer coas mozas
catro castañas asadas.
Ese magosto que se intúe próximo, polo que nos di esta cantiga, era outro momento de diversión que na actualidade segue a ser moi celebrado por todo o noso territorio. Como di Fraguas, “en Galicia os motivos festivos multiplícanse a cada paso e varían como a cor da paisaxe que os rodea” (A festa popular en Galicia, Seminario de Estudos Galegos 1995).
O fiadeiro era o remate dun labor traballoso que pasa por diferentes fases. Traballar o liño supoñía primeiro apañalo, despois ripalo (quitarlle a baga), xuntalo en feixes para empozalo e deixalo na auga a abrandar, logo secalo para despois mazalo, volver alagalo por se quedaba un pouco escuro e, despois de secalo outra vez, deluvalo (fretar as estrigas do liño para tirarlle a parte leñosa), logo de preparar os afusais tascábase e xa antes de fialo asedábase tirándolle a estopa. Todo este traballo ben merecía unha festa para celebralo!
Veña o pandeiro a ruar
que estas son as mazarocas
que hoxe teño de fiar.
O fiadeiro, a fía, a fiada ou o fiandón, que son as diferentes denominacións que estas xuntanzas teñen nas nosas falas, era unha maneira de levar mellor o duro traballo do campo. Agora, como dixo o noso homenaxeado no seu discurso de ingreso na RAG:
“Rematou o serán, colgaron as pandeiretas na viga e descolgaron a luz de carburo que con lixeiras apagadelas alumeou a festa. Agora a viga caeu co tempo, o farol escorrentouno a luz da electricidade e as cantigas viven no aroma das roseiras que florecen na nosa terra”
Estas xuntanzas festeiras foron desaparecendo ao tempo que eses labores deixaron de facerse, pero nos nosos días hai un intento de recuperalas e de seguro que se non son estas coplas han de ser outras, e tamén outros bailes, os que celebren a irmandade e o traballo colectivo na nosa terra.