O incrible nome das feixoas

Fotografía de feixoa e retrato de Benito Xerónimo Feijoo nun gravado de Juan Bernabé Palomino publicado en 1781

Va que non sabes de onde vén a palabra “feixoa”?

A feixoa é un froito outonal, de cor verde, sabor doce e aromático, do tamaño dun ovo de galiña e rico en vitamina C. Provén de zonas elevadas do Brasil, Uruguai, Paraguai, norte da Arxentina e Colombia aínda que hai uns anos comezou a cultivarse nas Rías Baixas e noutras partes do sur do país.

Certo que parece unha palabra galega? De feito é un nome galego cunha historia con voltas e reviravoltas, xa que o froito foi bautizado por un alemán en homenaxe a un brasileiro. Verás:

João da Silva Barroso, naceu en 1760 no Río de Xaneiro, Brasil. Afeccionado á natureza e á mineraloxía, veu a Europa a estudar matemáticas e filosofía na Universidade de Coímbra. Estando en Portugal, en 1778, entrou a formar parte dun grupo dos mellores alumnos de Domenico Vandelli para crear o Museo de Historia Natural de Lisboa. Para iso, tivo que facer unha estadía de máis de dez anos en Cabo Verde. É arredor desta época cando muda o seu apelido de pluma polo dun dos científicos que maior fama gozaban naquela altura e co que coincidía en ideoloxía, un ilustrado relixioso: Frei Benito Jerónimo Feijoo (1676-1764). Tan só simplificou a duplicación vocálica, pasando a chamarse João da Silva Feijó.

O froito foi bautizado por un alemán en homenaxe a un brasileiro que adoptou un nome galego

Tempo máis tarde, aló por 1783 –xa con maior experiencia–, o científico comezou a enviar mostras botánicas do Ceará brasileiro ao Xardín Botánico de Prusia. Alí, Otto Karl Berg, botánico e farmacólogo alemán da Universidade de Berlín, especializado en flora suramericana, nomeou o froito co nome de feijoa para homenaxear o brasileiro. Foi entre os anos 1855 e 1859.

E é así como o noso Feijoo –sen velo nunca, nin saber del–, deulle nome a este froito. Por brincar, podemos revirar un pouco máis a historia, xa que resulta que o apelido –como é evidente–, vén de feixón, que é unha planta da familia das leguminosas tamén coñecida como faba –sobre todo a semente; as vaíñas son os feixóns verdes–, palabra que compartimos co portugués, idioma no que lle deu nome a un dos pratos máis típicos do Brasil: a feijoada.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir