Invento

Teodomiro atopa o sepulcro de Apóstolo. Miniatura do Tombo A da Catedral de Santiago

Conta Vitruvio, aínda que cientificamente non se lle dea moito creto nisto, que Arquímedes saíu un día da bañeira e percorreu espido as rúas de Siracusa berrando “εὕρηκα, εὕρηκα!”, que vén sendo “atopeino, atopeino!” E probablemente alguén diría: “que encontraría este home? As dedas, despois de lavar os pés?” O que realmente atopara ou inventara era un medio para coñecer a pureza do ouro consistente en medir o volume do fluído que desaloxaba. Efectivamente atopar unha cousa e inventala son conceptos moi próximos, e se lle facemos caso a Platón todo o que aprendemos non é máis que un recordo doutra vida na que eramos certamente moi sabios. Esta é a teoría da reminiscencia que fai da vida un eterno déjà-vu.

Invento, segundo o DRAG: “cousa inventada”, provén do verbo latino invenire que quere dicir ‘atopar’. E a invención (procedente do latín inventio) máis notable da nosa cultura é a dos restos do Apóstolo Santiago polo bispo Teodomiro de Iria Flavia. Naturalmente quérese dicir que os atopou, non que se inventase todo.

Por iso, cando se fala (de xeito coloquial) de inventar palabras, referímonos, en ocasións, a recorrer ao potencial produtivo: sufixos, prefixos, lexemas… que a propia lingua pon á nosa disposición para encher os ocos denominativos que xorden ao nos enfrontar a unha novidade. O ámbito que se ocupa das novas nomenclaturas, “conxunto de nomes ou termos propios dunha determinada disciplina científica ou artística”, é a terminoloxía, que tamén se encarga de elaborar recursos terminolóxicos propios (glosarios e vocabularios) sobre as distintas linguaxes de especialidade e da estandarización dos neoloxismos e do léxico científico-técnico, neste caso, en galego.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir