Cando chegaba ás aulas da Facultade de Xeografía e Historia ou ás de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela era quen de explicar cun só esquema, no encerado, a política dos dous séculos que compoñen a idade contemporánea. E de golpe horas e horas de clase facíanse claras e meridianas. Os ríos subterráneos da historia, os que conectan as caídas dos grandes imperios e as correntes do pensamento cos feitos pequenos, afloraban diante do alumnado. Así era Xosé Ramón Barreiro Fernández, historiador imprescindible da Galicia contemporánea e presidente da Real Academia Galega entre 2001 e 2009, finado o pasado 17 de marzo na Coruña aos 84 anos de idade
O nome de Barreiro Fernández está vencellado nos últimos anos ao estudo de Manuel Murguía, de quen escribiu unha biografía monumental que se alicerza nas cartas do primeiro presidente da RAG conservadas no arquivo da propia institución. Mais o profesor Barreiro Fernández sacou á luz temas marxinados pola historiografía, como os afrancesados –os primeiros exiliados da idade contemporánea en España— , e deixounos obras, xa clásicas, como o seu estudo dedicado a liberais e absolutistas. Para el, o estudo da historia fundábase nun compromiso social, de aí que o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega verse sobre liberalismo en Galicia. Un movemento esencial para entendermos o que somos, poñendo o foco na súa presenza na Coruña de 1823 a 1846.
A palabra liberal, que levaba séculos acubillada no latín liberalis, para definir a ‘alguén xeneroso e libre’, foi trasladada ao terreo da política a principios do século XIX en conexión co movemento democrático das Cortes de Cádiz. Inda que Carlos Marx ditaminou na Illa de León, ideas sen acción; no resto de España, acción sen ideas, non era de todo certo porque as ideas bulían fóra de Cádiz. Xa na Ilustración, coa que Galicia empeza a coñecerse a si mesma como pobo, o seu ser asóciase co concepto de liberdade. Desde ese momento, os liberais foron os partidarios da liberdade, de tal xeito que o termo liberal funcionaba como antónimo do adxectivo absolutista, aquel que ten como obxectivo manter os seus privilexios, ligados ao poder absoluto do rei.
No caso de Galicia esta liberdade tamén se relacionou coas arelas de redención social. De aí que a elite cultural se identificase igualmente coas diversas opresións de xénero económico, político e lingüístico que o pobo padecía. Neste espírito de liberdade formouse boa parte do rexionalismo. Nel militou e puxo as súas esperanzas Murguía e nel se labrou a obra de Rosalía.
Non importa que hoxe a palabra liberal apareza adoito restrinxida ao ámbito dos mercados, coma se só houbese liberdade para eles. Nós ficamos, sen dúbida, co sentido do termo tal e como o definiu o profesor Barreiro:
O liberalismo marcou definitivamente a evolución social e política de Galicia a partir do século XIX. Foi o liberalismo quen introduciu os valores sociais e políticos da liberdade, da soberanía popular e da democracia. Foi o liberalismo quen rescatou o poder absoluto das mans do monarca e llo devolveu á sociedade e quen fixou os dereitos do home e as liberdades económicas, sociais e políticas.