Lusofonía

A palabra lusofonía, elaborada co prefixo luso, elemento de orixe latina que remite ao significado ‘portugués’ e emparentado co adxectivo lusitano, coa base tomada do grego phoné ‘voz, por extensión fala’ e o sufixo –ía formador de palabras abstracta e cultas. Este termo está construído de xeito similar ao equivalente do francés francophonie e vinculado tamén a francophone. A procedencia común do galego e o portugués fai que manteñamos unha relación con esta lingua que vai máis alá da veciñanza, unha irmandade lingüística que tamén é musical, e que goza desde 2003 dun punto de encontro en Pontevedra moi especial que volve cada ano por estas datas: o Festival Internacional da Lusofonía Cantos na Maré. Este ano preséntase cun novo nome, Festival da Ilusofonía, cadrando cunha etapa de transición na que amplía estilos e tamén orixes, aínda que a música lusófona seguirá a ter unha presenza importante pola súa conexión con Galicia.

Recuemos na historia a través das palabras. A partir do século XX, no ámbito da xeografía lingüística, xorde a palabra estudada lusofonía e outras de formación semellante que reflicten, neste caso, a realidade dos diversos países que falan a lingua portuguesa produto da expansión deste país de orientación atlántica e mariñeira. Pero viaxemos aínda máis atrás no tempo. Desde as primeiras viaxes de Gil Eanes a Canarias ata as colonias en Macau, Formosa ou o imperio do Brasil, o reino de Portugal trouxo e levou vocábulos, ás veces do tronco común galego, dun lado a outro do planeta. De alí, trouxeron o primeiro té, pero co nome de chá que inda se conserva en mandarín, persa, hindi, árabe e o portugués. Isto sucedeu antes de que os holandeses expandiran a palabra “té”, que é a mesma letra e denominación noutra variedade de chinés, e deixaron o seu topónimo Portugal na denominación das laranxas, en árabe e en grego moderno respectivamente, bortokali e portokale (‘laranxa doce’ fronte a nerantzi ‘laranxa amarga’).

Se os franceses construíron o seu neoloxismo sobre a denominación da tribo xermánica dos francos, os portugueses fano sobre a designación da antiga provincia romana chamada Lusitania, cuxo porto de saída ao exterior estaba en Olisipo (Lisboa), de fundación grega; porén a capital localizábase na actual Mérida (Emerita Augusta). As derivas históricas das nacións son froito da reflexión das conveniencias nun momento dado e a muda da capitalidade a Lisboa é un reflexo máis do cambio do peso político dun reino que tivo o seu xermolo no condado portucalense, arredor da cidade do Porto, unha vez este se independizou de Gallaecia.

Lusitania marcou páxinas gloriosas da resistencia á invasión romana e tamén foi acubillo dun fermoso mito: o das eguas preñadas polo vento. Nestes días os aires de músicas chegadas ata Pontevedra desde Lisboa, Cabo Verde, Angola, Brasil, Cuba ou A Coruña producirán outro acontecemento máxico pero real. Só cómpre deixarse levar pola música e a palabra, compartida!

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir