A luz do primeiro “faro” nomeounos todos

Recreación do faro de Alexandría nun gravado anónimo producido para o “Geographical Dictionary” (Londres, 1756)

Va que non sabes de onde vén a palabra faro?

Os case 1500 km da nosa costa non se apagan nunca grazas á multitude de faros –máis de 150, se incluímos calquera tipo de baliza con luz– que a iluminan, do Cantábrico á foz do Miño. Os máis deles foron construídos a mediados do XIX, pero tamén os hai ben máis antigos, como o da Torre de Hércules, na Coruña, o único de orixe romana que se mantén en funcionamento en todo o mundo, declarado Patrimonio da Humanidade en 2009. A omnipresencia dos faros é síntoma de que o mar foi desde sempre un espazo fundamental para a nosa sociedade, formando parte da nosa  identidade colectiva.

A historia do faro iníciase na antigüidade, como xeito de guiar os mariñeiros, permitíndolles distinguir na distancia onde comeza a terra. Un dos faros máis célebres do mundo, e seguramente o primeiro, foi  o que sinalaba a entrada ao porto de Alexandría, que curiosamente non estaba construído sobre a cidade exipcia senón nunha pequena illa unida á mesma por unha ponte de máis de mil metros de longo, o Heptastadion. A illa chamábase Pháros (en transcrición latina do orixinal grego), onde Ptolomeo I mandou erguer unha elevadísima torre branca, no ano 279 a.C., como unha guía para navegantes (calcúlase que medía entre 115 e 150 metros, sendo unha das construcións máis altas feitas polo ser humano, durante centos de anos). Antípatro de Sidón incluíuna nas súas Sete marabillas do mundo, unhas listaxes que se adoitaban facer na antigüidade, para destacar as obras que era recomendable ver. Empregábase tamén como sinal luminoso nocturno, grazas a unha fogueira que se prendía na parte superior, proxectando a súa luz con espellos dispostos ao redor, os mesmos que durante o día reflectían os raios do sol. Máis de mil anos despois —en 1303 e 1323— dous terremotos afectaron a estrutura da portentosa torre da Illa de Faros, que foi derrubada no século seguinte.

E esa foi a orixe do nome deste tipo de construcións, que —alén da nosa—, recolleron e adaptaron as máis das linguas románicas: far (catalán), phare (francés), faro (castelán), faro (italiano), far (romanés) e farol (portugués); fóra do ámbito latino, chegou tamén ao alemán e ao inglés (pharos).

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir