Maltés

Parlament ta' Malta, o Parlamento maltés, n'A Valeta

Este  verán, propoñemos unha viaxe por Europa a través das linguas chamadas minoritarias ou minorizadas. Algunhas son oficiais na UE e outras, como a nosa, non contan con este recoñecemento. Cada semana falaremos dun idioma, do que coñeceremos datos históricos, evolución de falantes, características internas e outras cuestións interesantes. As linguas que escollemos son:

Esloveno  |  Estoniano  |  Flamengo  |  Frisón  |  Gaélico irlandés  |  Galés  |  Letón |  Macedonio  |  Maltés  |  Sardo

Bandeira de Malta
Bandeira da República de Malta

O maltés (malti, utilizando o propio idioma) é o idioma autóctono da república de Malta, integrada polas illas de Malta, Gozo e Comino e outras, deshabitadas, de menor tamaño. O arquipélago está situado entre a illa de Sicilia e o continente africano e esta situación xeográfica, no centro do Mediterráneo, converteuno en lugar de paso ou asentamento de distintos grupos humanos, algo que, evidentemente, tivo o seu peso na xénese do seu idioma. Por alí pasaron fenicios, gregos, cartaxineses e romanos antes da chegada dos árabes, que a conquistaron no século IX. Douscentos anos despois, volveu ás mans dos reinos cristiáns, para ser logo sede dos Cabaleiros Hospitalarios, francesa tras a conquista de Napoleón Bonaparte e, desde principios do século XIX ata mediados do XX, parte do Imperio Británico. Con todos estes avatares, o maltés incorporou influencias múltiples e diversas, resultando unha rareza lingüística que algúns estudosos xulgaron de difícil clasificación. 

Situación de Malta nunha vista do Mediterráneo
Situación de Malta nunha vista do Mediterráneo

Adscríbese á familia semítica, xa que a súa base é o árabe, en concreto o árabe magrebí, pero considérase que a influencia latina, principalmente siciliana é moi elevada, sobre todo no vocabulario. Ademais, polas circunstancias históricas do territorio, evolucionou apartada do mundo árabe ata converterse nunha lingua diferenciada deste. Con todo, é comprensible para os tunisianos.

Outra singularidade do maltés é que, sendo unha lingua árabe, emprega para a escrita caracteres latinos. Tamén nalgunhas cuestións gramaticais evidencia o seu carácter mestizo, xa que combina procedementos árabes, de flexión interna da palabra, e románicos, utilizando sufixos, como ocorre na formación do plural. Sorprenderanos, así mesmo, a variación no artigo determinado, outro trazo das linguas árabes, de tal xeito que cando precede unha palabra que comeza cunha consoante das denominadas solares, o artigo asimílase a esta consoante, de xeito que a consoante se duplica.

Tendo en conta as reducidas dimensións do territorio maltés, máis pequeno ca o concello de Lugo, pode sorprender a variedade que se observa no idioma no que se sinalan cinco áreas dialectais, dentro das cales aínda se establecen subdivisións. Mesmo o estándar, utilizado nas cidades que constitúen o centro político e o económico do arquipélago, conta con variantes relaxadas no resto do territorio ou nas situacións menos formais. Destácase como típico dos seus falantes a alternancia continua co inglés, ata o punto de que se creou unha lingua mixta que se denomina maltenglish ou minglish.

O nome do idoma maltés deriva do do país, que aínda que non se coñece con seguridade de onde procede. En xeral, considérase que se tomou do nome dado polos gregos, Melite, a partir de meli ‘mel’, motivado pola importancia da produción melífera do territorio, que mesmo tiña especies endémicas de abellas. Segundo outras fontes, a orixe estaría nunha forma fenicia Maleth, co significado de ‘refuxio’, o que se explicaría polas numerosas calas e enseadas do litoral.

O maltés, regulado polo organismo Kunsill Nazzjonali ta l’Ilsien Malti, é idioma oficial do país desde os anos trinta e da Unión Europea desde 2004, coa peculiaridade de ser a única lingua semítica do organismo comunitario, e está presente na Administración, o Parlamento, a Igrexa ou o ensino estatal, aínda que nos centros privados ou na universidade segue prevalecendo o inglés. Considérase que a gran maioría da poboación fala maltés, arredor dun 80% do total, o que viría sendo pouco máis de 300.000 persoas.

O que se considera o texto maltés máis antigo é o poema Cantilena, do século XV, pero, ata o século XIX, non se utilizou practicamente o maltés na escrita literaria. Desta época é o considerado “pai da lingua maltesa”, Mikiel Anton Vassalli e, posterior a el, o poeta nacional de Malta, Dun Karm Psaila, autor do himno nacional.

Reproducimos o himno maltés coa equivalencia en galego e a interpretación do mesmo nun vídeo:

L-Innu Malti

Lil din l-art ħelwa, l-Omm li tatna isimha,
Ħares, Mulej, kif dejjem Int ħarist:
Ftakar li lilha bl-oħla dawl libbist.
Agħti, kbir Alla, id-dehen lil min jaħkimha,
Rodd il-ħniena lis-sid, saħħa ‘l-ħaddiem:
Seddaq il-għaqda fil-Maltin u s-sliem.

Himno nacional de Malta

Esta doce terra, nai que nos deu o seu nome,
Gárdaa, Señor, como sempre fixeches;
Lembra que a adornaches coa máis alta graza.
Concédelles, Señor, sabedoría aos que a gobernan;
Clemencia aos amos, forza aos traballadores;
Asegura entre os malteses a unidade e a paz.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir