Manda moita castaña!

Castañas e castiñeiros hainos en Galicia desde sempre, mesmo antes de chegaren os romanos, inda que estes trouxeron variedades máis produtivas, e desde aquela estannos dando de comer, leña e madeira. E logo non nos habían dar palabras e expresións para nutrir a nosa lingua? Por suposto!

Temos unha abondosa fraseoloxía relacionada con esta árbore que tanto nos gusta, e á que lle imos botar unha ollada de aquí en diante. Cando os plans non saen ben ou se frustran dicimos que aquilo acabou en auga de castañas. Tamén podemos empregar, con significado idéntico, auga chirla ou auga de bacallau. Estas locucións fundaméntanse en que o importante, o substancioso, é o que se coce, e non na auga da cocción. Se te metes nun problema e agardas que o resolvan por ti, hanche dicir aquilo de que sempre hai alguén para sacarche as castañas do lume. A xustificación encontrámola en que ao andar coas castañas asadas corres o risco de te queimar, e se hai alguén que o faga por ti, aforras queimaduras. Porén, hai quen ten a habilidade para meterse en leas, daquela indícase que alguén sae dun souto para se meter noutro.

Se estamos moi distraídos, dirán que xuntamos ou confundimos fabas con castañas, cousa que resulta ben difícil salvo que esteamos moi desorientados. Este tipo de descoidos, dependendo da paciencia das persoas que os padecen, poden provocar nela que estoupen como unha castaña —deste modo amosan o seu anoxo coa nosa ineficacia— e despois, co enfado e a rabia, non están para asar castañas, nin para festas.

Ás veces, se temos que indicar que unha persoa non é merecente da nosa confianza, pódese dicir dela que é falsa coma as castañas no lume. A razón é que hai ocasións en que as castañas estoupan por non amosegalas e poden provocarlle feridas ao que anda arredor. Con este mesmo suceso vincúlase estoutra expresión: estalar unha castaña na boca ou nos dentes; desta volta o significado atribuído á frase relaciónase coa idea de decepción con alguén ou coa aparición dun contratempo inesperado.

Sobre a castaña temos unha manchea de refráns que son un pozo de sabedoría. Deste modo, o calendario e o tempo ditan sentenza: agosto debe ser caloroso para ter colleita, porque a castaña quere en agosto quecer e en setembro beber. Confírmao estoutro refrán: se chove en agosto, non hai magosto. O froito do castiñeiro comeza a estar apetecible na primeira quincena de outubro, se facemos caso a iso de polo Pilar as primeiras castañas has de asar; e o punto óptimo chega xa en novembro, porque é ben certo que castañas, noces e viño, fan a ledicia do san Martiño. A confirmación de que estes froitos foron o sustento de moitos no inverno atopámola no dito que afirma que con castañas asadas e viño novo xa non morre o pobo.

A abundancia de castiñeiros e soutos fai que haxa onde ir apañalas, pero a terra sempre ten dono e o froito tamén. Daquela, para evitarmos conflitos, cómpre non esquecer que a castaña que está no camiño é do veciño. Con todo, indo polas propias ou polas alleas hai que ter coidado cos ourizos, de aí que o que non ten maña non come castañas.

E para darlle o remate, un desexo: que nunca vós oiades “sempre un porco ruín atopa unha boa castaña”!, Dinllo, con xenreira e sen cariño ningún, a quen non merece o que lle acontece.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir