Manuel Antonio asina un pacto de sangue

Montaxe coa caricatura de Manuel Antonio debuxada por Cebreiro e a nota onde se concreta o pacto de sangue

Con só 17 anos, Manuel Antonio Pérez Sánchez  –ou simplemente, Manuel Antonio, como pasou á historia da literatura o poeta de Rianxo– comezaba a ter un pensamento e unha orientación ideolóxica que marcarían a súa traxectoria vital e como autor –breve no tempo pola prematura morte, pero grande pola calidade da  obra–. Manuel Antonio estivo ata o seu final comprometido co país, coa defensa da lingua e coa reivindicación dos nosos dereitos. E este compromiso espertou moi cedo, sendo aínda un rapaz de escola, como deixan ver os documentos que achegamos e que a Fundación Barrié atesoura no seu arquivo.

Trátase duns textos manuscritos, unhas pequenas notas, escritas en folla de caderno e a lapis, onde Manuel Antonio mais dous compañeiros de clase –Marcial Rodríguez Cebral e Manoel Xaquín González Mato– intercambian impresións sobre a situación en que se atopaba Galicia. Aos grandes poetas tamén se lles fan demasiado longas e tediosas as aulas, daquela cambiar notiñas cos colegas era un bo xeito de resistir! Nada que non fixese calquera de nós, só que as de Manuel Antonio son solemnes e cerimoniosas, como pedía o tema: asinar un “pauto de sangue” onde se comprometen “como irmáns” a cumprir coas súas obrigas “pola salvación de Galicia”. Nin máis nin menos.

Pacto e pauto

Xa comentamos o contraste semántico entre os substantivos pacto e pauto neste Mira que din! Nel, explicamos a evolución das dúas formas –unha por vía patrimonial e outra culta–, e como cada unha delas se corresponde cun significado específico. Así, a acepción de pauto como “acordo feito co diaño” non se axusta ao sentido con que a empregaban os tres asinantes, quen aínda que acolleron a forma máis popular e diferencial querían expresar, sen dúbida, o significado propio de pacto: “acordo formal entre dúas ou máis partes”. E a maneira máis formal de asinar tan importante documento, polo menos aos 17 anos, é facelo co propio sangue (do latín popular *sanguen por evolución do clásico sanguis, sanguinis, onde se xustifican as formas cultas sanguíneo -a, sanguinario -a ou sanguinolento -a).

 

Maratón de lectura na Granell

Ler os textos dos escritores e escritoras é a mellor maneira de lles render homenaxe. Iso é o que se fixo na sede da Fundación Granell, en Santiago de Compostela, o 31 de maio de 2017. Ademais dos poemas de Manuel Antonio, tamén se leron estas notiñas que vimos de comentar.

 

Cartel do Maratón de lectura na Fundación Granell. Preme para ampliar.

Notas que se pasaban os tres amigos e o texto asinado do “Pauto”

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir