Xogos tradicionais
As XXXII Olimpíadas, terán lugar do 23 de xullo ao 8 de agosto de 2021 no Xapón. Mais, que lonxe quedan esas terras nipoas!!! pero nós imos participar, se vos presta, grazas aos xogos tradicionais.
As diferentes culturas deron orixe a unha gran variedade de xogos e deportes tradicionais que representan a riqueza cultural dun pobo. Daquela promover a práctica destes constitúe unha tarefa importante. Estes entretementos contribúen ao entendemento entre os diferentes grupos culturais e sociais. Teñen unha vantaxe importante, non requiren instalacións, nin equipamento custoso, de aí que sexa ben achegar o xogo e o deporte a todo o mundo, mesmo a aqueles de escasos recursos.
Por todo isto, imos darlles un repaso a algúns, que coñecemos abondo, para divertirnos este verán e brincar un chisco.
mariola | birlos | agocho | chapas | as lombas | billarda | chave | petanca | pilla
Quen non xogou á mariola ou ao peletre! É un xogo coñecido por todas e todos, doado de realizar e que non require un equipamento especial, senón unha pedra ou un pau para pintala no chan e mais unha pedriña pequena que servirá de patefa ou peletre (“anaco de pedra que se emprega nalgúns xogos como a mariola”) e que guiaremos á pata coxa.
O xogo da mariola é coñecido en gran parte do mundo. Consiste en debuxar unha serie de cuadrículas no chan, xa cun xiz na pedra ou cun pao, se o piso é terreo. Comeza arrebolando unha pedra, denominada patefa ao primeiro cadro, procurando que non pise os bordos, e imos saltando á pata coxa ata o último cadro, onde se poden pousar os pés e tomar alento; logo vólvese ata onde estea pousada a pedra, e hai que movela, empurrándoa coa punta do pé, ata facela saír da propia mariola. Así, repetirase de modo consecutivo ata chegar ao derradeiro cadro, sempre que a pedra non toque as marxes da cuadrícula ou non se pase de cadro por un exceso de impulso ao arrebolar o peletre. Se ocorrese isto, pérdese a quenda, e a oportunidade pasa a outra persoa participante. É un enredo que favorece que as nenas e os nenos desenvolvan a coordinación viso-motora, a axilidade, o equilibrio e a psicomotricidade grosa.
En galego, este xogo denomínase mariola ou peletre, e este substantivo designa, á vez, o xogo e mais a pedra coa que se xoga. Crese que a primeira das voces se relaciona co antropónimo María, e que patefa é unha voz de creación expresiva. Este xogo non é exclusivo do territorio galego, xa que atopamos variedades semellantes en catalán (xarranca), en castelán (rayuela), en inglés (hopscotch), en francés (marelle), en portugués (jogo da macaca) e en italiano (campana).
Xa na antigüidade clásica se recollen mostras da existencia deste divertimento. En Roma consérvanse, no pavimento do Foro Romano, as referencias ao xogo de claudus. Pénsase que, canda a expansión do Imperio, foise levando o xogo polos seus territorios; porén, o certo é que se atopan versións del en todos os continentes, daquela resulta difícil dar unha explicación única da orixe e a súa distribución mundial.