Algunhas das voces que utilizamos acotío teñen unha explicación mitolóxica que xustifica a súa orixe, como son, por exemplo, os substantivos eco ou narciso. Se nos resultan de interese este tipo de curiosidades, nada mellor ca volver a un clásico da literatura universal como as Metamorfoses do poeta latino Ovidio Nasón, obra que volve estar de actualidade –aínda que os clásicos non deixen de estalo nunca–, porque se fan os dous mil anos da súa publicación. Os casos de eco e narciso recóllense no libro III, que relata a tráxica lenda de onde parten ambos os dous: ela unha ninfa castigada pola deusa Xuno a repetir as palabras que escoita pola súa excesiva locuacidade, que namora de Narciso e é rexeitada por el; e Narciso, un mozo que abraia pola súa fermosura, pero que só se sente atraído pola súa propia imaxe cando a ve reflectida na auga. De aí as nosas denominacións para a repetición dun son e para unha flor que pende cara ao chan.
Na antigüidade clásica, a mitoloxía proporcionaba respostas ás cuestións que non son doadas de resolver e a vía da metamorfose era un recurso habitual para explicar o mundo. Isto pode valer para unha especie vexetal coma o narciso, para un animal, as máis numerosas na obra de Ovidio, para un accidente xeográfico ou unha constelación. Tanto estes mitos como o título da obra teñen raíces gregas, lingua onde se creou o termo metamorfose a partir dos elementos meta ‘transformación’ e morfo ‘forma’ –calquera deles identificables noutras voces correntes, como por exemplo metáfora ou morfoloxía– e que hoxe en día se utiliza no ámbito científico para o proceso que sofren animais como as bolboretas ou as ras.
Na súa longa narración en verso, Ovidio relata de maneira fiada a historia do mundo desde o caos orixinal ata a morte de Xulio César e, aínda que non foi a única obra da antigüidade en tratar o motivo da metamorfose, si foi a que máis sona e repercusión tivo ao longo da historia, chegando á consideración de tópico, e non unicamente no eido literario, senón nas artes e nas humanidades en xeral.
Entre as obras que a retomaron podemos citar, por amentar as máis sonadas, Dr. Jekyll e Mr. Hyde de Stevenson ou A metamorfose de Kafka, pero tamén foi recreada entre os nosos autores, nomeadamente por Méndez Ferrín (por exemplo, no conto “Mantis religiosa” que aparece en Percival e outras historias) quen, coma Kafka, bota man dos insectos para transmitir a degradación do home ou, facendo xa un tributo no título, en As metamorfoses de Proteo de Antón Risco. Xa que logo, dous mil anos despois, seguimos aproveitando o herdo deste poeta extraordinario a quen todo o que dicía lle saía en verso.