mitin

Xuntanzas estivais ou non

Este verán será o dos reencontros! Habemos de xuntarnos de novo. Non será coma os veráns de antes da pandemia, aínda habemos de ser prudentes porque o bicho segue solto. Mais estamos de volta, retornamos á algarabía. Florencio Delgado Gurriarán cantoulle a Valdeorras e ás súas festas… E nosoutras e nosoutros este verán imos tentar emulalo e darlle unha volta ás palabras que se empregan para indicar que nos xuntamos máis de dous para organizar unha quedada. Comezaremos coas máis buliciosas e rebuldeiras, propias do estío, e xa cara á fin do verán xuntarémonos para cousas un chisco máis serias.

festa | fiadeiro | garula | romaría | maios | ruada | mitin | convención

Hai unha sorte de xuntanzas que non son festivas por definición, aínda que hoxe teñen algo de trouleo, os mitins. Desde a antigüidade a humanidade tentou convencer os seus conxéneres dos beneficios das ocorrencias propias mediante a exposición de argumentos convincentes. De aí naceu a oratoria (arte de falar en público para persuadir) e a dialéctica (o conxunto de recursos utilizados para argumentar, discutir, refutar etc.,). Os sofistas no foro ateniense foron os primeiros en argumentar e debater. Protágoras é considerado o pai do debate, Aristóteles aplica a lóxica á oratoria e en Roma Cicerón triunfa coma orador e redacta un manual de como se debe organizar un discurso para convencer o oínte. O dominio da palabra no discurso continúa sendo fundamental na actualidade, xa nos debates, xa nos parlamentos e tamén nos mitins.

Os mitins defínense como “reunión pública para expor e tratar ideas e cuestións políticas ou sociais”. Convertéronse en espectáculos estáticos nos que unha persoa ou varias ofrecen discursos a un auditorio predisposto a escoitar os devanditos oradores e as súas mensaxes. Pretenden transmitir ideas e mensaxes, pero tamén serven para reforzar os liderados e amosar a forza dunha formación política e a dos seus líderes. A orixe do termo atopámola na adaptación do inglés meeting que en principio significaba ‘asemblea’. Logo, en 1510, documéntase coa especificación ‘reunión de persoas para discutir’, mais, no século XVII, adoptou un matiz relixioso que conserva nos usos do termo no ámbito rural dos EE.UU, onde se aplica a ‘calquera asemblea de carácter relixioso’.

Os mitins que recoñecemos hogano naceron co movemento obreiro e os partidos políticos de masas. No ámbito democrático convertéronse nun instrumento de socialización e de certa importancia nas campañas electorais para atraer e convencer futuros votantes. Na actualidade, as formacións políticas empréganos como simple publicidade no minuto no que os telexornais conectan con eles para amosar o auditorio nutrido e entregado co que contan.

“O problema é claro e visible nalgúns lugares concretos. Só hai que pensar no exemplo clásico de Venecia, onde os habitantes da cidade levan a cabo manifestacións contra os turistas (ou, mellor dito, contra o turismo desaforado) e onde o visitante non pode deixar de sentir ás veces que está nun lugar fascinante e fermoso, certo, pero no que xa non vive ninguén.” Raquel C. Pico, Luzes, novembro de 2016

As persoas tamén se poden xuntar na rúa por motivos diversos, e, se estes son de carácter reivindicativo, daquela trátase das manifestacións. O Dicionario defíneas no ámbito da socioloxía como a “reunión numerosa de xente na rúa para protestar contra algunha cousa ou para reivindicar algo”. A lei recolle o dereito de manifestarse e aclara que a manifestación será permitida sempre que sexa pacífica, sen armas, e que se celebre nos lugares de tránsito con autorización. O vocábulo procede do latín manifestatione, que significaba ‘manifestación’ ou ‘coñecemento que se dá de algo’, termo derivado do verbo manifestare ‘poñer en claro’, ‘dar a coñecer’ ou ‘descubrir’. Un termo próximo sería concentración “reunión de moita xente nun sitio para manifestarse”. En certas ocasións a concentración é previa á manifestación: a xente xúntase e logo comeza a marchar. Outras veces, o que se persegue é unha protesta estática e numerosa diante do organismo contra o que se quere protestar. Modernamente danse pequenas concentracións de protesta a persoeiros concretos por algunha actuación considerada indebida que se deron en denominar escraches.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir