Mos

Penedo en Amieirolongo. Imaxe cedida polo departamento de comunicación do Concello de Mos

Concellos de Galicia (con tres letras)

Chega o verán e o Portal das Palabras volve saír de viaxe por Galicia. En edicións anteriores xa fixemos os obrigados percorridos polo mar e pola montaña, así que desta volta propoñémosvos unha ruta diferente. Faremos parada en lugares cunha curiosidade en común: todos eles son concellos con nomes de só tres letras. Pode soar a excentricidade.. e madía leva se o é! Pero que mellor época para deixarse levar pola sonoridade dalgúns dos topónimos máis breves de noso Nomenclátor! A viaxe pagará a pena, e non só en termos lingüísticos!

Concellos:

Foz | Mos | Pol | Zas | Oia | Teo | Tui | Cee | A Rúa

Varios son os lugares onde podemos atopar esas inmensas rochas de granito que se chaman moas. É o caso do municipio no que paramos nesta ocasión, onde foron quen de se integrar perfectamente nas casas, respectadas por leiras e muros. Falámosvos de Mos (Pontevedra), topónimo que ten a súa orixe precisamente no xeito en que se lles chama ás moas por estas terras e polo veciño Portugal.

As moas pasaron a ser mos por un fenómeno fonético presente en moitos topónimos do país que produce variacións similares. Deste xeito compórtanse Eiró(s), Figueiró(s), Grixó, Lixós, Pereiró, Rañó, Salgueiró ou Viñó, que atopamos especialmente polas Rías Baixas, sur de Pontevedra e occidente ourensán, mentres que na metade norte aparecen coa terminación ‑oa(s), que dá lugar, por exemplo a forma Eiroa. Na metade sur convértese en ‑oá(s) Eiorás e no noreste e Asturias, en ‑úa(s).

A palabra moa ten a súa orixe no latín mŏla, que daquela xa se refería tanto ás pedras de moer dos muíños como ás pezas dentarias, un emprego metafórico que Corominas supón un calco do grego. As linguas indoeuropeas, o mesmo que o concello de Mos, están inzadas destas moas: mill (en inglés, ‘muíño’), Mühle, Mehl (‘muíño’ e ‘fariña’ en alemán). En galego atopamos os termos inmolar (do latín inmolare, ‘botar fariña por riba da vítima antes de sacrificala’ e amoado, “masa preparada con auga ou leite, fariña, ovos e, ás veces, sangue, coa que se fan as filloas” que tamén gardan certa relación coa palabra latina.

No concello descubrimos unha morea de restos milenarios feitos coa mesma pedra que de xeito natural orixinou as moas ou mos: as mámoas do Meixoeiro (onda o Círculo Mercantil), o castro de Torroso (descuberto en 1983) e o Miliario de Santiaguiño de Antas na Vía XIX do Itinerario de Antonino entre Bracara e Asturica (parte tamén do trazado do Camiño Portugués).

Penedo da Pucha en Lapiñeira da Fraga. Cedida polo departamento de comunicación do Concello de Mos

Con tanta referencia antiga, non é de estrañar que en xuño se celebre a Festa da Prehistoria, con recreacións das antigas tribos, construcións e batallas. Máis modernos son o pazo de Mos dos señores de Soutomaior (as súas armas aparecen na bandeira e escudo municipais) e o de Santo Antoíño. E debe ser que aos mosenses lles gusta disfrazarse, porque na primeira destas casas señoriais celébrase en abril a festa Arde o Pazo, que representa a estada dos franceses en 1809. E como festexo maior saliéntase a Festa da Rosa, dedicada cada 13 de xuño desde 1973 á rosa dos Quirós, os marqueses dos que se herdou o emblema que loce no escudo do concello.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir

Axúdasnos a mellorar? Pechar

A túa opinión impórtanos. Queremos saber como usas o Portal das Palabras, que che gusta máis e se botas algo en falta.

Enredarache moi pouco tempo!

Cubre a enquisa aquí