En calquera festa ou feira á que acudamos, para comermos unha boa ración de polbo habemos atopar unha polbeira (establecemento onde se vende e persoa que o cociña). Xa sabemos que está polas nubes; pero un día é un día, miña!…
O polbo é un “molusco mariño sen cuncha, da clase dos cefalópodos, de corpo globoso e oito brazos ou tentáculos con dúas filas de ventosas, chamados raxos”, cuxo nome científico é octopus vulgaris. Xoga un papel destacado na gastronomía galega polas diversas maneiras de cociñalo, mais a que todas recoñecemos é á feira. Aquela na que o cefalópodo se coce nunha pota de cobre e se serve en pratos de madeira cun adubo feito de aceite, sal gordo e pemento doce ou picante. Outras maneiras de cociñalo non menos saborosas son á grella, á mugardesa (de Mugardos, vila do norte da Coruña), en caldeirada –propio das Rías Baixas- ou en empanada.
Hai unha serie de parentes que non son quen de substituír o polbo e o ritual que ten a súa degustación, pero convén coñecelos e non menosprezalos. O primeiro é o polbo cabezón ou branco, moito máis pequeno, coa cabeza de maior tamaño (de aí un dos seus nomes comúns) e os tentáculos máis longos, finos e cunha ringleira de ventosas; a súa cor é clara tirando a amarela, por iso o do apelativo branco, aínda que entre os científicos é coñecido pola denominación Eledone cirrhosa.
Outros dos cefalópodos que degustamos cociñados de diferentes xeitos é a sepia officianalis, que mercamos cos nomes comerciais de choco, sepia ou xiba. Segundo o Dicionario é un “molusco de corpo ovado e groso, cunha cuncha calcaria interna e unha bolsa de tinta coa que escurece a auga en situacións de perigo”. Diferénciase do polbo pola cuncha e polos dous tentáculos que ten amais dos oito brazos..
Deliciosas son, sen dúbida, as luras (loligo vulgaris), máis pequenas, que se describen como “molusco de corpo alongado, con oito brazos con función prénsil e dous tentáculos con función táctil e copuladora moito máis longos ca os brazos, dúas aletas triangulares na parte posterior e unha cuncha interior delgada e transparente en forma de pluma”. Hai unha variedade que se semella moito pero que é outra especie, a pota, cuxo nome entre os biólogos é todarodes sagitattus, e á que o dicionario lle outorga como sinónimo a denominación lura pota, o que xa nos dá idea de que son animais próximos. Aínda que as e os comensais diranche que ser, non son o mesmo.
Agora que estamos un chisco máis ao tanto duns e doutros agardamos que non nos dean gato por lebre.