A meteoroloxía vén marcada polos ciclos anuais e agora, cara á fin de ano, o que nos agarda é o frío, a auga, como sinónimo de chuvia, e que veña o aire en forma de vento. Mal tempo, en resumo, que deixa pegada no día a día, e tamén no refraneiro. Velaquí unha mostra da vizosa fraseoloxía que produce!
Xa o di o refrán: É inverno natural dende Santos a Nadal. Certo é que tamén se di que o verán de san Martiño ou é grande ou pequeniño, pero non se debe un de fiar moito porque polo mes de Santos (novembro), xa baixa a neve aos campos. A fraseoloxía popular deixa ademais claro que os días neste período son curtos, como indican estoutros ditos: Amencer e anoitecer, en decembro e case á vez ou sol de inverno sae tarde e ponse cedo. A partir do solsticio de inverno, que cadra arredor do 22 de decembro, aínda que paseniñamente, os días comezan a medrar, un fenómeno que ten paremias propias a conta de santa Lucía: Por santa Lucía sácalle á noite e mételle ao día pero non moito, eh!; pola santa Lucía medra o día a pisada dunha galiña. Hoxe estes refráns poden soar equivocados, pero hai unha explicación. Ata a reforma do calendario promulgada polo papa Gregorio XIII, o día de santa Lucía cadraba co solsticio de inverno, mentres que no almanaque actual pasou a se celebrar algo antes, o 13 de decembro.
Neste tempo vai friaxe, e moita, e inda que a casa dun sempre dá conforto, se deixamos as portas abertas ou mesmo entornadas o frío entra. De aí que se diga que á porta/ventá lle cheira o alento. Inda que o consolo está nestoutros ditos: Se vai frío e vento, pecha a porta e métete dentro; cociña quente, inverno ledo e, sobre todo, con ben pan e moita leña, o inverno a ninguén empeña. A crueza da estación vese reflectida igualmente na seguinte frase: vai un frío que non paran nin os cans! Para comprender mellor o refrán debemos sobreentender que os cans en cuestión estarían presos, algo hoxe prohibido pola lei, pero unha práctica que foi bastante común ata non hai moito.
A carqueixa é descrita como unha planta resistente a case todo, mesmo ao lume. Por iso, se dicimos que vai un frío que treme a carqueixa!, estaremos a referirnos a un frío moi intenso, xa que afecta ata á planta que todo o soporta.
Do tempo do inverno podemos inferir que xorden emocións diversas e sentimentos encontrados. Para combater o frío non che hai nada mellor que provocar a fogaxe do encontro humano, e así o refraneiro di: palique de inverno, casoiro de verán. E non debemos ser inxenuos, o termo palique equivale a parola “conversación informal e amigable sobre calquera tema sen transcendencia”, pero cando vai bater en casoiro “cerimonia na que dúas persoas contraen matrimonio” semella que a cousa non quedou en conversa soamente. Tras o casamento, as relacións coa familia política son, ás veces, daquela maneira, tal como nos dá a coñecer outro dito: amizade de xenro, sol de inverno. Porque, como sabedes, o sol do inverno dura pouco e quenta menos, o mesmo que a boa relación cos sogros, segundo a sabedoría popular.
Para darlle o remate, o refraneiro invernal tamén pode funcionar como asesor laboral cando nos dá as seguintes recomendacións: Quen queira saber do inferno, que sexa ferreiro no verán e xastre no inverno, ben sabemos que os ferreiros traballan ao par do lume da forxa e no mes de xullo non é doado de aturar estas condicións, no caso dos xastres (antes das calefaccións centrais) no inverno, aínda traballando dentro das casas, facíano de pé e parados e así era fácil que os collera o frío e mesmo padecían de frieiras eles e as costureiras; nestoutro: no verán faite taberneira, e no inverno panadeira, ante a ardentía estival mellor ter acceso á bebida fresca, e na friaxe invernal, a caloriña do forno.