Nós

Nestes días celebrarémonos a nós mesmos. O 25 de xullo de hai máis de cen anos, tiña lugar a primeira edición desta conmemoración que nos lembra quen somos. En realidade esta data xa se viña celebrando na diáspora como sinal de galeguidade dende o século XVIII, pero as Irmandades da Fala proclamaron formalmente que o Día de Santiago de 1920 fose o primeiro Día Nacional de Galicia. Mais se de aniversarios falamos, dende a esfera das palabras o que sobresae é, sen dúbida, o da revista Nós. A publicación designou co seu nome o grupo organizado arredor dela. Os homes da tamén chamada xeración Nós desempeñarían no proceso da cultura galega, en palabras de Ricardo Carballo Calero, a función de europeizala e deron á nosa prosa “un pulo nunca visto nos tempos modernos”.

O profesor Carballo Calero, que protagonizou as Letras 2020, dedicoulles, como non podía ser doutro xeito, un capítulo destacado á revista e aos seus principais membros na súa Historia da literatura galega contemporánea. A icónica cuberta de Nós foi deseñada polo director artístico da publicación, Castelao, quen tamén lle deu o nome, advirte Carballo Calero. “O nome de Nós con que a revista aparez é xustamente o nome do álbum de deseños de Castelao esposto en 1918. Fora o propio Castelao o que impuxo o nome á revista, fora Risco como homenaxe a Castelao, ou fora calquer outro dos animadores da pubricación, o certo é que o nome da mesma a Castelao se remonta”, subliña. Malia a data apuntada polo insigne investigador, a primeira exposición das estampas do álbum Nós, celébrase na Coruña no mes de marzo de 1920 por iniciativa, de novo, das Irmandades da Fala. Pero o que di o profesor, crítico literario e escritor non é mentira, xa que as ilustracións que o compoñen foron realizadas entre 1916 e 1918, e durante ese período algunhas delas foron publicadas na revista Suevia, de Buenos Aires, e o xornal madrileño El Sol.

Castelao titulou con acerto os debuxos deste proxecto co pronome tónico da primeira persoa do plural, porque as tres letras que o conforman abondan para retratármonos como pobo, como cultura. Como un país que, naquela altura, vivía marcado polo caciquismo e a emigración. En cada lámina do álbum Nós o artista rianxeiro foi quen de sintetizar e denunciar, cuns poucos trazos e frases, esa realidade. En palabras de Carballo Calero, “os seus ollos perciben con fina sensibilidade os desequilibrios, as contradiccións, as incongruencias da vida. E o seu lápiz de caricaturista traza uns riscos esquemáticos que subliñan esa falta de concordancia, xeralmente enmascarada en hipócritas convencións con pretensións de armonía ética”.

No lingüístico o pronome nós, igual ca vós, procede do latín –con idéntico significado–. Esta forma, común para os dous xéneros, é a maioritaria en toda Galicia. O Dicionario tamén recolle nosoutros, -as, variante rexistrada no galego mindoniense e no propio do oriente da provincia de Lugo, fronteirizo con Asturias e León, que consiste nunha evolución da expresión nos + alteros e que comezou a empregarse no latín popular para marcar plurais excluíntes. De feito, aínda que na actualidade os usos dunha e outra forma se interfiran, había unha diferenza tradicional importante entre elas, que aínda se conserva nalgunhas zonas. Mentres que nosoutros delimita un grupo concreto e deixa fóra todas as persoas que non pertencen a el, nós non marca tal fronteira.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir