A UNESCO declarou 2019 como o Ano Internacional da Táboa Periódica en conmemoración da súa primeira formulación da man do científico ruso Dmitri Mendeleev. Esta proposta de ordenación dos elementos foi un dos grandes avances na química, ademais de permitirlle intuír a existencia de elementos por descubrir e aos que lles deixou o seu oco na táboa. Estes foron o eka-boro (escandio), o eka-manganeso (tecnecio), o eka-aluminio (galio) e o eka-silicio (xermanio), onde o científico utilizou o prefixo eka- que procede do sánscrito e significa ‘un’. Co paso do tempo, a súa teoría dun sistema periódico foi resistindo todas as probas que a puideron refutar, o desenvolvemento dun coñecemento máis profundo sobre os elementos, o seu descubrimento, illamento, a análise das súas propiedades e a normalización e universalización do método científico.
Acordouse que cando se nomea un novo elemento químico a designación deste ten que se referir a un concepto mitolóxico, un mineral, unha propiedade, un lugar ou un científico (como o mendelevio). Inda que non é o máis habitual, había catro elementos cos números atómicos 113, 115, 117 e 118 sen designación. Mentres non se soubo a escolla definitiva, as apostas iniciais estaban abertas, principalmente para honrar merecidamente a Avogadro, Pauli, Pauling ou Schrödinger. Con todo, nos derradeiros meses de 2016 a IUPAC, sociedade internacional que propón e toma a decisión final ao respecto, indicou que son os que seguen.
O nihonio (Nh, 113) descuberto por un equipo xaponés liderado por Kosuke Morita pertencente ao Rikagaku Kenyusho ou RIKEN, instituto de investigación de onde saíron tamén catro premios Nobel. Aínda que o seu achado foi anunciado antes, en 2003, por un grupo conxunto ruso-norteamericano, o seu experimento non foi dado como concluínte e outorgóuselles aos nipóns o dereito de nomealo. A denominación fai referencia ao topónimo do país en xaponés, Nihon. E tamén é unha homenaxe ao científico Masataka Ogawa, que illou por primeira vez o renio en 1908 e ao que chamou nipponio crendo que era unha substancia descoñecida.
O moscovio (Mc, 115) é unha creación sobre o topónimo Moscova que designa a capital da Federación Rusa, o río que discorre pola cidade e a rexión onde está establecida a vila científica de Dubna (de onde xorde o nome doutro elemento químico, o dubnio) e o instituto conxunto de investigación nuclear OIYaI. O equipo de estudosos de Iuri Oganessian quixo facer un recoñecemento á terra onde traballa.
O ténnesso (Ts, 117) obtén a súa denominación do estado norteamericano de Tennessee, rexión onde se localizan o Oak Ridge Laboratory e as universidades de Tennessee e Vanderbilt, colaboradores do proxecto. A forma mantén a acentuación esdrúxula da lingua orixinal (co cal coincide co tamén halóxeno ástato), e a terminación en -o (-ine en inglés) que coincide cos elementos do mesmo grupo 17 da táboa periódica (cloro, bromo, iodo, ástato); en contraste coa inmensa maioría dos metais, metaloides e elementos alcalinos os cales rematan en -io, como nihonio ou moscovio. Dado que o galego ortograficamente tende a conservar a etimoloxía orixinal, a denominación mantén o dobre <n> e o dobre <s> de Tennessee. Este nome de lugar xurdiu da grafía popularizada polo gobernador de Carolina do Sur no século XVIII. Suponse que se orixinou dunha lingua amerindia, tanto se procede da vila de Tanasqui que o explorador Juan Pardo atopou en 1567, como se se creou polo nome da cidade e río de Tanasi que os comerciantes británicos atoparan xa antes de 1725.
O oganesson (Og, 118) é o elemento detectado con número atómico máis alto coñecido e ademais pertence a un grupo especial, o dos gases nobres. Comparte con neon, argon, cripton, xenon e radon, a terminación e a tonicidade. De feito, á hora de determinar a forma galega para o descubrimento, estas dúas foron determinantes para concretar a forma final, pois a desinencia para todos os gases nobres, excepto o helio, mantense uniforme na inmensa maioría das linguas, a maior parte delas coa terminación -on e tamén nunha boa parte a acentuación é grave. A orixe do termo homenaxea o científico ruso-armenio que axudou no seu descubrimento (e tamén nun tipo de nucleosíntese fría): Iuri Oganessian, mencionado antes ao falar do moscovio. Pártese do apelido que, como a inmensa maioría dos apelidos armenios, remata en -ian (como os coñecidos Aram Khachaturian, Jack Kevorkian, Tigran Petrosian ou Kardashian), mentres que a raíz -Oganess- lévanos ao nome propio Hovhannes, equivalente do noso Xoán. En ruso propiamente sería Iván, e a equivalencia sinónima do armenio Oganessian sería o ruso Ivánov.