nugallán

“A quen dedicar este gracioso novo libriño, / acabado de puír pola árida pedra pómez? / a ti, Cornelio, xa que ti adoitabas / considerar algo as miñas nugas.”

As nugas, que menciona Catulo na dedicatoria a Cornelio Nepote, historiador e biógrafo latino, poden traducirse por ‘lilainas’, ‘insignificancias’ ou ‘bagatelas’. Nas linguas romances actuais apenas atopamos pegadas deste termo, mais entre as escasísimas mostras desta forma latina, dous exemplos son vocábulos propios da lingua común e galegos. Trátase das palabras: nugalla e nugallán, que adoptan o significado, segundo se recolle no DRAG, de ‘preguiza’ e ‘preguiceiro’. Proveñen da palabra latina nugalia e, en último caso, é un derivado de nuga que tiña en latín moitos derivados como nugator  ‘milhomes’ ou ‘rexoubeiro’, e tamén se aplicaba a ‘persoa ou cousa inútil’. Do mesmo étimo tamén encontramos un vocábulo do antigo provenzal nualha que significaba ‘preguiza’ ou ‘indolencia’. Agás o mencionado, todo o que se rexistra son cultismos como os do portugués nuga e nugatório que volven á fonte latina, co seu antigo significado.

O xénero das ‘insignificancias’ moito ten dado de si. O Für Elise de Beethoven, subtitulado bagatelle, é unha delas, pero tamén o son os Carmina Catulli, se facemos caso da súa dedicatoria, e, como non, as Cousas do noso Castelao. A base de todas elas non é a falsa modestia senón algo moi difícil: xuntar a simplicidade cunha personalidade inconfundible, cousa que non se acada polo camiño da nugalla, pois require un traballo de depuración inmenso.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir