Moito se podería falar das achegas de don Ricardo aos estudos sobre Rosalía de Castro: fixou algúns feitos biográficos e desbotou outros, traballou sobre a estilística da autora e sobre as fontes desta, revisou as traducións dos seus poemas e fixo a edición dos seus textos… Pódese dicir que alí onde el investigou atopamos un pouco máis de claridade cartesiana; pero, como o noso son as palabras, ímonos deter en tres cuestións léxicas esclarecidas por Carvalho Calero.
A palabra desaparecida
En 1964 publícase o libro titulado Poems of Rosalía de Castro. Entre todos os textos atopamos a versión do poema “Desde aquí vexo un camiño que non sei a onde vai”. Nel o verso “i anda ao feito, aquí escondido” foi traducido como “and makes its way”, solución que chamou a atención do noso investigador. A parte de andar estaba traducida, pero que pasaba co feito? Todo leva a preguntarse que pode significar que un camiño ande ao feito que sexa tan difícil de levar ao inglés. O que atopamos é unha fermosa metáfora creada coa locución andar ou xogar ao feito, presente nos dicionarios históricos, e tamén nos versos contemporáneos de Araceli Herrero, discípula do propio don Ricardo, “Conocínte. Quizaves algún día, / xogando ao feito, / teña dado unha volta ao teu redor/ fuxindo das amigas”, onde xogar ao feito significa ‘xogar ás agachadas’. E así xogaba aquel camiño do poema.
A palabra calente inexistente
Ata que levantou as sospeitas de don Ricardo, a estrofa número 11 do poema “Díxome nantronte o cura …” editábase así:
Se elas calente miraran,
Meu amore,
Nin toliña me chamaran
Nin ti me fixeras dore.
Porén, dado que a palabra calente non existe e a interpretación de que quere dicir ‘quente’ non serve, pois non cadra co sentido, o noso investigador procurou a explicación en que se quería dicir “ca lente”, é dicir, cunha lente. Esta proposta non o deixaría moi convencido, pois anos máis tarde atopou o que hoxe é a solución do enigma: “Se elas cal eu te miraran”.
Alomear significa dúas cousas
Aínda así, non todo é corrixir as supostas grallas da edición tipográfica; ás veces hai que volver atrás, como é no caso de alomear.
O verso “onde estraña me alomean” foi corrixido por Bouza Brey como “onde estraña me nomean”, e ese é efectivamente o sentido do verso. Esta escolla vese reforzada pola edición do texto incluída no Álbum de la Caridad de 1862. Carvalho Calero considerou que a presenza no portugués dun verbo de feitura semellante, pero co significado de ‘nomear’, fai que a corrección non sexa precisa, pois Rosalía empregou o vocábulo en uso no seu tempo.
Daquela por que alomear significa dúas cousas? Porque Rosalía o utiliza tamén noutro sentido, o de ‘alumear’ ou ‘alumar’, noutras pasaxes de Cantares Gallegos.
Todas estas achegas prodúcense non só desde o coñecemento e a aplicación do método científico, senón tamén desde un gran respecto polo texto rosaliano, ao que hai que volver unha e outra vez con renovada atención e sen prexuízos para finalmente poder dicir “elemental, querido lector, o asasino foi o tipógrafo”.