O Entroido abarca un período de tempo máis ou menos amplo, dependendo das celebracións típicas de cada zona. En sentido máis estrito, denomínanse o domingo, luns e martes de Entroido, pero a festa nalgúns lugares bota a andar ata cinco semanas antes e mesmo hai sitios onde os chamamentos comezan co ano novo. Curiosamente, hai localidades que contradín o carácter variable destas festas e estableceron unha data fixa de inicio, como son Vilariño de Conso ou Verín, onde, caia cando caia o Entroido, comeza o día de santo Antón (17 de xaneiro) ou o da Candeloria (2 de febreiro).
O domingo fareleiro
Subíndonos ao carro dos máis festexeiros, tres semanas antes do domingo de Entroido ten lugar o domingo fareleiro. A diversión para os participantes nesta festa consiste en lixar os demais botándolles fariña ou farelo (noutros lugares borralla ou a feluxe do pote). O farelo que lle dá nome ao día son os restos da casca dos cereais que se separan da fariña ao peneirala, ou que se lle deixa se queremos a versión integral. Tanto a forma fariña coma farelo remiten ao latín far, farris, denominación dunha variedade de trigo, voz a partir da que se crearon farina -ae e un diminutivo propio do latín vulgar, *farellu, que deu o noso farelo, tamén coñecido como relón.
O domingo oleiro
A quince días do domingo de Entroido vén o domingo oleiro, celebración que quedou enmarcada dentro das do Entroido aínda que nun principio non estaba relacionada. Ese día as protagonistas son olas de barro que os participantes arrebolan uns a outros procurando que non caian. Quen teña a mala sorte de non agarrala ben e cause a rotura da peza verase na obriga de invitar os demais.
A forma ola referida a un recipiente de barro pode denominar o usado para cociñar ou para ir por auga á fonte. A súa orixe remite ao primeiro sentido apuntado, o que tiña no latín olla -ae, mentres que a diversión comentada ten que ver co segundo, pois son ese tipo de olas, semellantes aos cántaros, as que se lanzan. E coa súa fraxilidade parece relacionada outra denominación que recibe esta festa, o domingo cacheleiro, que se orixinaría a partir de cacho ‘anaco’, que vén sendo o que queda das olas ao remate do xogo.
O domingo corredoiro
Conforme vai medrando a animación chegamos ao domingo corredoiro na semana inmediatamente anterior a de Entroido. Aínda que non en todos os sitios se facía ese día, si tiña lugar en moitas localidades durante estas festas a corrida do galo. A partir do verbo correr, que parece ser esencial nesta actividade, derivouse corredoiro botando man dun sufixo con valor caracterizador que nos permite obter sobre todo substantivos, pero tamén algúns adxectivos deverbais que cualifican o que serve para aquilo que indica o verbo.
Con ser a corrida do galo a diversión máis común neste día, dános noticia Eladio Rodríguez doutra coñecida como a corrida das maulas, típica de Castro Caldelas. A palabra maula é unha forma que non se considera correcta, pero que popularmente se utiliza aplicada á persoa ou cousa inútil ou enganosa. Botando man dela, co berro de “Corra a maula!”, todos rían a conta do descoidado a quen lle prenderan no lombo tiras de papel ou algo similar.
Seguindo co verbo correr, a expresión correr o Entroido utilízase habitualmente co sentido de gozar estas festas disfrazándose e andando de troula, é dicir, participando nas diversións propias destes días.
Pero non todo o mundo se dedica nesta data a correr o galo, as maulas ou o Entroido, senón que nalgúns lugares o entretemento principal era mollar os demais con xiringas fabricadas manualmente, o que se coñece como cichote (comentados por Xoán Babarro González en “Aqueles xogos infantís”), e de aí que tamén se lle dese a este domingo o nome de domingo de cichotes.
Os xoves de compadres e de comadres
Na semana anterior e posterior ao domingo corredoiro sitúanse os xoves de compadres e de comadres, respectivamente, que, segundo os lugares son celebrados nesta orde ou na inversa. Son días en que ten lugar unha particular batalla de sexos desde a óptica festiva e desenfadada do Entroido. O significado primeiro de compadre ou comadre é o de padriño ou madriña dunha persoa con relación aos pais desta ou á inversa, pero tamén se aplica máis relaxadamente para as persoas coas que se mantén unha relación estreita. Neste caso, os compadres e as comadres son bonecos que simbolizan homes ou mulleres, segundo o caso, e que se queiman por parte dos ou das representantes do outro sexo. Así, o xoves de compadres, as mozas levan os monecos de palla ou compadres para queimalos e os mozos tratan de impedilo e o xoves de comadres invértense os papeis.
Os tres días grandes do Entroido
Tanta foliada previa vai caldeando o ambiente para os que podemos considerar días grandes, do domingo ao martes de Entroido, en que se viven plenamente tanto a xolda como a gastronomía típicas antes da contención marcada pola Coresma. Polo que respecta á comida, ocupa un lugar central a carne de porco, coa cacheira por diante, pero, en calquera caso, con elevada presenza de graxas. Un sinónimo de graxa é lardo, voz tomada do latín laridum ou lardum, que significaba touciño, o que orixinou que se coñezan estes días co adxectivo de lardeiros, especialmente o domingo lardeiro. Nada exclusivo da nosa cultura, pois motivou denominacións como o mardi gras (versión en francés do noso ‘martes lardeiro’) nome dalgúns dos máis famosos a nivel mundial, como é o Entroido de Nova Orleáns ou o de Binche en Valonia, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
En lugares de forte tradición como Laza, veñen marcados con nome propio outros días do Entroido como o luns, coñecido, entre outras formas, como luns dos farrapos. O farrapo identificámolo cun anaco de tea vello e rachado, pero aínda se lle pode buscar utilidade, como se fai nesta vila, onde se emporca con lama para manchar con el os demais, coa excepción do seu personaxe central, o peliqueiro.
A apoteose do Entroido non decae ata o martes, día grande en moitos lugares da nosa xeografía (Martes de Entroido, cando has de vir!), por ese motivo declarado festivo en numerosas localidades, pero de sempre considerado un día en que non se traballaba ou só o imprescindible porque o obrigado en tal data é correr o Entroido. Iso e dar conta da enchedela propia deste tempo antes de que a Coresma impoña a súa característica contención, pois, como di a cantiga: Adeus martes de Entroido, / Adeus meu amiguiño, / ata domingo de Pascua / non comerei máis touciño.