O lado escuro goberna os EE.UU

“A democracia morre na escuridade” é o novo slogan do histórico xornal The Washington Post, un dos máis importantes diarios norteamericanos, amais de ser o que leva máis anos activo. O novo lema (“Democracy dies in darkness”) aparece por baixo da cabeceira na edición dixital, agardándose que nas próximas semanas figure tamén na edición impresa. Que un xornal destas características, co seu peso, aposte por unha mensaxe tan rotunda no contexto político dos Estados Unidos logo do nomeamento de Trump debe considerarse un feito histórico. A frase está sacada dun artigo recente dun dos máis célebres comentaristas do WP, Bob Woodward –el foi quen axudara a destapar o escándalo do Watergate, que levou á dimisión do presidente Richard Nixon nos 70–, como reacción fronte á cruzada de Trump contra os máis dos medios de comunicación, aos que chegou a cualificar de “inimigos da nación”.

Para os anglófonos, o substantivo darkness aludía orixinariamente á ausencia de luz característica da noite. Pasado un tempo, comezou a aplicarse referido á luminosidade en xeral e ao ámbito das cores; está formado por derivación (-ness é un sufixo que indica calidade ou estado cando se xunta cun adxectivo) sobre dark, ‘escuro’. O noso equivalente, escuridade, tería dous posibles camiños na súa evolución: podería xurdir por derivación do adxectivo, a partir do latín obscurus -a -um, ou ben proceder directamente de obscuritas, obscuritatis. En calquera caso, o que se deu na lingua común foi a simplificación do grupo de consoantes –bs-, aínda que non é raro atopar na escrita literaria exemplos do arcaísmo obscuro.

Como sinónimo de escuridade o Dicionario recolle calixe, que ten este significado por extensión, a partir da acepción que fala dun neboeiro denso, cun sentido semellante ao do étimo latino caligo caliginis. A realidade que mellor representa as asociacións co concepto de escuridade é a noite e as súas tebras (directamente do acusativo plural de tenebrae, tenebrarum, co mesmo significado), que describen espazos sombríos, sombrizos, lúgubres, tenebrosos e mesmo tétricos, conforme imos avanzado no medo que nos mete o lugar onde non se ve ben.

As palabras desta parte do léxico  –escuridade, a calixe, o negror, a negrume, a sombra e as tebras– gañaron nos usos literarios e figurados sentidos abstractos, polo que pasaron a ser metáfora da represión (a longa noite de pedra de Celso Emilio), a ignorancia (os imbéciles e escuros de Pondal) e en xeral –como podemos comprobar se imos á busca por sinónimos e termos relacionados do Dicionario– da incultura e o descoñecemento. En todos eles, habían pensar Woodward e os máis responsables do Washington Post ao miraren esmorecer a democracia.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir