O léxico do cancro

O 4 de febreiro celébrase o Día Mundial contra o Cancro, promovido pola Organización Mundial da Saúde, o Centro Internacional de Investigacións sobre o Cancro (CIIC) e a Unión Internacional contra o Cancro (UICC) para aumentar a concienciación da sociedade para avanzar na prevención e control desta enfermidade.

Neste Allos-con-bugallos queremos facer un repaso ao avultado campo de terminoloxía vinculada coa doenza.

Cáncer e cancro son o mesmo?

Cando son sinónimos, cáncer e cancro son dúas maneiras de chamarlle a unha mesma cousa. Mais isto non acontece sempre nin implica que todas as acepcións destas dúas palabras sexan compartidas. Cáncer é a forma máis próxima, no aspecto, ao étimo latino, o clásico cancer –iris, aínda que na lingua do Lacio o <ce> da segunda sílaba soaba igual que cando nós dicimos “que”. O primeiro significado da palabra foi o nome do animaliño de dez patas que chamamos caranguexo ou cangrexo. Mesturando observación e mitoloxía, os astrónomos da antigüidade quixeron recoñecer a figura dun crustáceo na silueta da constelación e de aí a denominación que hoxe coñecemos como Cangrexo, a situada no hemisferio celeste boreal, entre Xemelgos e León. Tamén o cancer latino chegou a acoller un terceiro significado, no ámbito da medicina, sobre o que os especialistas din que probablemente foi unha herdanza do grego, xa que ao parecer na lingua helena denominaba un instrumento de tortura con forma de tenaces, e precisamente aí, pola asociación coa dor e a laceración do corpo, foi que comezou a abrirse o camiño semántico para chegar á outra acepción de cáncer, o “tumor maligno formado pola proliferación de células dun tecido ou dun órgano, con tendencia a estenderse a outros e destruílos”. Como indica o Dicionario, para esta terceira acepción é que son sinónimos cáncer e cancro, que xa aparece no latín popular da baixa Idade Media como cancrus (crancus ou crancrus) e mais noutros romances, como o francés chancre, ‘úlcera’, ou o occitano kranko.

Como se crea a terminoloxía científica?

Dentro da terminoloxía de especialidade, foron xurdindo palabras relacionadas co cáncer e, dese conxunto, poden illarse certos morfemas que se van repetindo nos termos creados e que aparecen de maneira recorrente, achegando determinados valores. Estes morfemas constitutivos poden situarse ao comezo do novo termo, funcionando como base ou prefixo, ou ao final da palabra, como un sufixo. Son os seguintes:

cancer

A partir deste núcleo derivan os adxectivos canceroso -a e canceríxeno -a; o primeiro serve para caracterizar algo ou alguén “que presenta cancro” (por exemplo, paciente canceroso ou tumor canceroso) en tanto que o segundo, canceríxeno, refírese ao “que pode chegar a producilo” (substancia canceríxena).

cancro

No Dicionario da Academia non se recollen entradas derivadas sobre este núcleo xa que son excesivamente específicas para un dicionario de lingua xeral, mais si aparecen noutras obras de terminoloxía especializada, como é o caso do Dicionario de termos médicos (pódese consultar o PDF). Neste dicionario aparecen, coa súa correspondente definición e voces relacionadas, nomes como cancrofobia, cancroide, cancrocirrose ou cancriforme, que testemuñan a produtividade deste morfema para a creación léxica.

carcin(e/o)-

Din os manuais que este morfema xa está documentado desde o século XIII en diferentes linguas románicas, pero o certo é que, no noso caso, polas condicións que marcaron a historia do noso idioma e o seu desenvolvemento como lingua de ciencia, non foi antes de finais do XIX que comezaron a empregarse termos construídos sobre esta base; no Dicionario, atopamos carcinoloxía, carcinomatose, carcinose, carcinoma e mais carcinomatoso -a. E poderían engadirse aínda outros, de uso máis restrinxido, como por exemplo carcinelcose, carcinemia, carcinólise ou carcinoxenia.

onco

Diferente é a orixe deste prefixo, que forma parte de palabras como oncose, oncoxene, oncoloxía e oncolóxico -a. Procede do grego, do substantivo ógkos -ou, ben que na incorporación á lingua moderna a consoante velar representada polo <g> acomodouse á pronuncia correspondente con <n>. No idioma heleno, a palabra contiña diferentes acepcións, sendo unha delas a de ‘inchazón’, de onde posteriormente adoptou o significado de ‘tumor’ para incorporala na creación de terminoloxía científica relacionada co cancro.

Como prefixo, onco– é a forma máis divulgada fóra do ámbito da especialidade, mais tamén existen termos creados sobre –oncose, en posición final, como por exemplo blefaroncose, que é unha tumoración localizada nas pálpebras.

oma

Xorde por abreviación do grego ógkoma, de forma que a secuencia final deste substantivo acabou por asumir o valor semántico completo –‘inchazón’, ‘vulto’ e finalmente ‘tumor’–. E isto sucedeu en época moi temperá, xa que o sufixo está documentado como tal desde a antigüidade, nos escritos sobre medicina de Hipócrates ou Galeno, entre outros. Varios destes termos acadaron unha ampla difusión por diferentes motivos máis alá do ámbito especializado, tal é o caso de carcinoma, mioma, sarcoma, papiloma ou melanoma (le máis detalles desta palabra en Mira-que-din). O sufixo –oma non se relaciona exclusivamente coa patoloxía e foi produtivo noutros campos, con diferentes significacións, por exemplo no da bioloxía (celoma, ceroma), a odontoloxía (odontoma), o da botánica (estoma) ou na xenética (xenoma).

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir